top of page

Un millar de veciños de Antas de Ulla benefíciase dun programa de compostaxe

Supuxo unha inversión de 31.629 euros e contribúe á correcta xestión da fracción orgánica


Laura Moure/Antas de Ulla

O Concello de Antas de Ulla a través do programa Sementa vida vén de poñer en marcha un proxecto de compostaxe doméstica e comunitaria enmarcado dentro das axudas concedidas polo Plan de Impulso ao Medio Ambiente (PIMA) na convocatoria do ano 2019 por un importe de 31.629 euros.


A través desta iniciativa o Concello repartiu 140 composteiros domésticos entre os veciños e veciñas interesados, co obxectivo de xestionar os restos de comida xerados nos fogares ao convertelos nun ben moi prezado denominado compost. Calcúlase que o proxecto beneficie a preto dun millar de veciños e veciñas.


Un composteiro

O goberno local recoméndalle aos veciños e veciñas de Antas de Ulla que depositen os restos orgánicos xerados no seu fogar nos composteiros domésticos e que só depositen no colector verde a fracción resto. Deste xeito, axudarán a mellorar a xestión de residuos do Concello de Antas de Ulla no seu conxunto. O goberno local tamén estableceu dous puntos informativos, un na Casa do Concello e outro na Casa da Cultura, onde poderán atopar material informativo sobre a correcta separación de residuos en orixe, así como do proceso de compostaxe.


Bio-trituradora

Como complemento a estes dous sistemas de compostaxe instalados, o Concello tamén adquiriu unha bio-trituradora de restos vexetais que será posta a disposición dos veciños de Antas de Ulla cun dobre obxectivo, triturar restos vexetais xerados nas vivendas e obter estruturante para empregar no proceso da compostaxe.


Por que se debe compostar os restos orgánicos?

Cerca do 50% dos residuos que xeramos no fogar están compostos por restos de comida. Reciclar esta materia orgánica mediante compostaxe doméstica e comunitaria achega numerosos beneficios dende o punto de vista ambiental, social e económico. Se o residuo non sae da casa xa non será necesario recollelo nin transportalo ata o punto de xestión, almacenalo e finalmente reciclalo. Afórrase deste xeito as emisións de CO 2 do transporte e tratamento e o propio custo de xestionalo. Por outro lado, o produto final que se obten é un fertilizante natural de excelente calidade con propiedades que melloran o solo e evitando a compra e uso doutros produtos químicos.


Os residuos orgánicos poden ser un grave problema medioambiental se non se xestionan correctamente. A súa descomposición sen control produce lixiviados que contaminan solos, ríos e acuíferos e emiten gases de efecto invernadoiro como metano e dióxido de carbono.


Que materiais podo compostar?

Pódense botar restos da cociña como froitas e verduras, carne e peixe, pan, legumes e

cereais, ovos e cunchas de moluscos, froitos secos, pousos de café e infusións, panos e

papel de cociña sen tinturas. Tamén se poden botar restos do xardín e horta como follas, flores, raíces e restos das colleitas, herba e palla, restos de poda triturados, cinza e serraduras de madeira sen aditivos, papel e cartón.


Débese evitar botar no composteiro materiais como plásticos, vidro, papel de aluminio

e calquera outro material non orgánico, revistas ou papel impreso a cor, tecidos sintéticos, restos de madeiras tratadas con produtos químicos (vernices, pinturas, etc).


Baixo o slogan Faino por ti, por min, sementa vida preténdese concienciar á poboación da importancia de xestionar os restos orgánicos para valorizar e obter un fertilizante natural de calidade.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page