"Hoxe, máis que nunca, insto ás autoridades competentes a honrar o prometido. Os cidadáns de Vila de Cruces merecen infraestruturas seguras e ben coidadas", sinala o alcalde
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces sinala que se cumpríu xa un ano da crucial reunión de traballo entre o alcalde, Luis Taboada, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. "E atopámonos na lamentable posición de recordar con frustración que ningunha das solicitudes presentadas foi atendida".
Publicidade
Naquela reunión do 30 de novembro de 2022, o alcalde Luis Taboada expresou con firmeza a necesidade imperante de construír sendeiros peonís para garantir a circulación dos peóns que agora teñen que ocupar a zona de rodaxe dos vehículos, o que entraña un risco considerable nas parroquias como Piloño xunto a panadería de Remigio e o Restaurante O Pazo ou en Carbia no lugar da Pena cara a farmacia e en Abialla dirección farmacia, e ademais tamén pediu unha senda para Sabrexo, demandas que, ao día de hoxe, seguen sen resposta algunha. Nesta data significativa, o alcalde Taboada reitera a súa preocupación e declara que "hai un ano plantexamos con urxencia a mellora das
infraestruturas que tanto necesita Vila de Cruces, coma sempre o rural segue
abandonado". Como tamén, indica, se comprometeu "o asfaltado da estrada Cruces - Merza e a día de hoxe nada de nada como se pode comprobar".
Publicidade
"Os veciños e veciñas seguen agardando respostas concretas e accións efectivas que aborden as problemáticas plantexadas. A falta de avances na construción de sendeiros peonís e o estado deteriorado das nosas estradas son cuestións que afectan directamente a seguridade e calidade de vida dos nosos cidadáns. A Xunta de Galicia responsable de estes viaís non pode voltear a cabeza para outro lado e non atender estas peticións", facendo Taboada responsable directa á conselleira Ethel "se sucede unha desgracia ante a inseguridade dos peóns e os perigos das estradas por falta de mantemento".
O mandatario insiste na importancia de cumprir cos compromisos adquiridos. "Hoxe, máis que nunca, insto ás autoridades competentes a honrar o prometido. Os cidadáns de Vila de Cruces merecen infraestruturas seguras e ben coidadas. Non podemos permitir que outra data pase sen que se tomen medidas concretas".
Publicidade
Este recordatorio non só busca subliñar as necesidades non resoltas do concello, senón tamén facer un chamamento urxente á acción. "Os cidadáns de Vila de Cruces merecen un entorno máis seguro e próspero, sobre todo os nosos maiores que son os que corren máis riscos e é responsabilidade das autoridades locais e rexionais garantilo", conclúe.
Comments