top of page

Taboada comprométese con Loño a preparar o acceso a Barcaza desde Reboredo se aproban o orzamento

Actualizado: 9 abr 2021


Laura Moure/Vila de Cruces

O alcalde de Vila de Cruces, Luís Taboada, a compañado polo tenente de alcalde, Julio López, mantiveron esta xoves unha reunión cos veciños de Loño para informarlles das actuacións que Taboada ten previsto realizar nesta parroquia unha vez estean aprobados os orzamentos do ano 2021. Na reunión que "en todo momento foi cordial e amena", saíron a relucir por parte dos veciños que "o anterior goberno do PP tíñaos abandonados á súa sorte, e que en todos estes anos non recibiran ningunha obra das que eles solicitaban", sinala o goberno cruceño.


Por este motivo o alcalde quixo "remediar esta inxustiza poñendo fin a todos estes anos de seca de investimentos nesta parroquia", e este xoves foi a presentarlles a todos eles a posibilidade de realizar a obra máis demandada por estes veciños, que é acondicionar o camiño existente desde a estrada da Deputación en Reboredo terminando na Barcaza, cunha distancia de máis de 2,5 quilómetros, co que se conseguiría sacar o tráfico rodado do núcleo rural, gañando en calidade ambiental.


Santos e Taboada en Cruces.

Nun día cheo de proxectos Taboada tamén recibiu no consistorio ao deputado de Cooperación da Deputación Santos Héctor. Vila de Cruces vén de transformar espazos moi relevantes para a veciñanza ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Concretamente, cun investimento total que supera os 374.000 euros deu un impulso aos servizos que o concello dezano ofrece á súa veciñanza coa pavimentación e mellora da capa de rodaxe de 13 camiños en sete parroquias e a construción dunha pista de pádel a carón das antigas casas de mestres. As obras foron visitadas polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Luís Celso Taboada, e varios concelleiros/as.

O deputado de Cooperación amosou a súa "ledicia por comprobar dúas actuacións distintas, pero moi importantes para a veciñanza de Vila de Cruces". Santos Héctor destacou como "magnífica" a decisión de mellorar a capa de rodaxe duns camiños que "dan servizo aos veciños e veciñas que viven e traballan no rural", porque "foron case 4,5 quilómetros de camiños" que amais de garantir a accesibilidade ás vivendas e explotacións agropecuarias incluíron tamén os accesos aos depósitos de abastecemento de auga das traídas veciñais. "Para nós o rural e o deporte son dous piares moi importantes, e polo tanto só nos corresponde botar unha man a todos os concellos da provincia para atender estas necesidades", subliñou.


"Insistimos en que o Plan Concellos é unha ferramenta moi áxil para os municipios", recalcou, "un instrumento que non só financia, senón que tamén concede aos gobernos locais o dereito a empregar os cartos públicos no que se considera máis importante".

"Estas obras son necesarias", sentenciou o alcalde de Vila de Cruces. "Os camiños teñen unha poboación bastante avellentada; polo que pretendemos mellorar todo o rural e axudalo todo o que se poida para que se siga mantendo". Luis Celso Taboada insistiu na premisa que rexe a súa gobernanza: "Temos que axudar aos veciños e ao rural, loitar toda a corporación pola nosa terriña". O alcalde incidiu na súa gratitude á institución provincial, "Estou moi agradecido á Deputación pola súa colaboración, estase portando moi ben con este goberno".


Os veciños e veciñas de Vila de Cruces xa gozan dun novo espazo para a práctica deportiva. A achega de 157.698 euros da Deputación fixo posible a creación dunha pista de pádel cuberta nunha parcela de 300 metros cadrados a carón das vivendas dos mestres e mestras do colexio Nosa Señora da Piedade, situado no centro urbano do concello. As obras comezaron polo acondicionamento do terreo, cimentacións, colocación e pintado da estrutura da cuberta, alumeado, cabreado para a rede soterrada, instalación dunha cancela de acceso e preparación da pista e dotación cos elementos deportivos para a práctica regulamentaria do pádel. Na contorna púxose un banco de formigón e unha papeleira metálica.


Conservación de 13 camiños

Doutra banda, os traballos executados nos camiños rurais de Vila de Cruces, nos que se investiron 216.321 euros, fixeron posible a conservación dun total de 13 camiños nas parroquias de Cumeiro, Carbia, Losón, Toiriz, Sabrexo, San Tomé e Bodaño. As pistas, que dan acceso a numerosas vivendas do municipio, contaban na maioría dos casos cunha capa de rodaxe en mal estado. Os restantes atopábanse sen pavimentar. Para o seu mantemento procedeuse á limpeza de cunetas, varrido do firme por medios mecánicos, tapado de fochancas nalgúns casos e construción dunha base de saburra nos outros, creación dun firme de aglomerado, tratamento de dobre rega asfáltica e pavimentación dos sobreanchos e entronques existentes. Amais, melloráronse os accesos aos depósitos de abastecemento de auga potable das traídas veciñais. En total actuouse en case 4,5 quilómetros de camiños cun ancho de plataforma que oscila entre os 2,70 e os 4 metros. Durante a visita comprobouse a necesidade e importancia da transformación, que ao facilitar e garantir os accesos ás vivendas favorece a actual tendencia de retorno ao rural.


A Deputación leva investidos máis de 5,4 millóns de euros no concello de Vila de Cruces desde 2015. A abeiro do Plan Concellos, o municipio puido levar a cabo, entre outras, numerosas obras de mellora de camiños e beirarrúas, abastecemento, saneamento, así como a construción de panteóns no seu cemiterio. Por outra banda, contratou a máis de 60 persoas desempregadas para a prestación de servizos municipais con cargo á Liña específica de Emprego dentro do Plan Concellos. Este ano, dentro do seu compromiso cos municipios, a institución provincial destina 675.000 euros para o municipio do Deza.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page