top of page

"Son unha persoa que precisa do humor para comprender o mundo e a realidade"

Actualizado: 5 abr 2021

"Esta canle de YouTube é unha macedonia de cousas: cociña, humor, psicoanálise, astroloxía, tarot, crítica social e surrealismo. Falo do que me interesa, do que me motiva"

La Bisonte


ENTREVISTA AO MELIDENSE VICENTE VÁZQUEZ VIDAL (LA BISONTE)


Laura Moure/Melide

O humor é máis que necesario e máis nestes tempos que corren. Disto entende moito o melidense Vicente Vázquez Vidal que ten unha canle de YouTube: La Bisonte, na que podemos atopar música, como facer unha croquetas de xamón ou incluso, coñecer máis a fondo ao presidente da Xunta de Galicia. E precisamente, nesta entrevista é La Bisonte, e non Vicente, quen nos conta que tal lle vai nesta traxectoria nas redes.


1. Como e cando xorde La Bisonte?

La Bisonte leva anos tecéndose en conversas con amigos. “Tes que facer unha canle de YouTube porque tes moitas cousas que contar”. En certa medida, nace dunha necesidade de expresarme e tamén para seguir pensando en formas de contar un pouco como eu vexo as cousas, o que sucede, o que sinto. Se cadra nace tamén da necesidade de reconstruír unha carreira frustrada dedicada ás artes escénicas; unha carreira que non puido ser por culpa dun evento fatídico do que prefiro non falar. No fondo é marabilloso porque na miña canle de YouTube podo falar todo o tempo sen que ninguén me interrompa.


2. Como definiría este proxecto?

É unha macedonia de cousas: hai cociña, humor, psicoanálise, astroloxía e tarot. Hai tamén crítica social, surrealismo. Falo do que me interesa, do que me motiva. Tamén vai haber interacción co público en próximos vídeos, porque La Bisonte é un organismo vivo que reacciona ás interaccións da xente que a ve, coma cando o ano pasado lle esconderon ós concursantes do Gran Hermano de Alemaña que había unha pandemia mundial e claro, máximos de audiencia cando lles contaron en directo o que estaba pasando no mundo. La Bisonte é un pouco así, unha performance, pero que neste caso é real. No persoal, La Bisonte é un pouco esa tía algo desequilibrada que moi a miúdo ten un vermú na man.


3. Por que ese nome?

Hai xente que pensa que o artigo é en castelán e hai xente que pensa que é unha forma de apropiarme dunha aparencia feminina que non me pertence. Realmente a xente que di iso non ten idea de nada. La Bisonte ten xénero fluído. Non é home nin muller nin nada intermedio. Xa non é que non entre en ningunha das categorías identitarias establecidas ata agora, senón que nin lle importan e loita activamente para que desaparezan. Esta é a historia do nome que lle conto a miña sobriña de cinco anos porque non podo contarlle que La Bisonte era o meu nome de stripper drag queen cando vivía en Arkansas, nos Estados Unidos.


4. Que tal está sendo a acollida?

Ó principio a acollida non foi moi boa. Custou arrancar a canle as primeiras semanas. Os vídeos tiñan moi poucas visitas e, como La Bisonte é bastante crítica co goberno autonómico, comecei a pensar que igual se me estaba sileciando dende as altas esferas. Despois cando os vídeos empezaron a ter máis visitas, fun descartando esa teoría pero aínda así sigo pensando que hai a quen lle molesta a existencia da Bisonte. Non deixa indiferente, dende logo.


5. Atrévese a cantar, a cociñar... hai cabida para calquera temática nos seus vídeos?

Hai cabida para todo. La Bisonte é un espazo no que todo é posible e é esa liberdade a que permite un proceso creativo máis amplo e innovador.


6. Vemos que hai alguén tamén detrás da pantalla. Quen formades este proxecto?

Conto ca axuda de varias persoas detrás das cámaras. No proxecto agora mesmo, hai unhas tres ou catro persoas traballando, pero tamén fago moitas colaboracións con artistas. Como La Bisonte ten pouco presuposto, a maior parte destas colaboración fanse de forma gratuíta. Despois tamén teño unha becaria (estudante de Comunicación Audiovisual) cun pequeno contrato en prácticas sen remuneración, que é que se leva agora. Dame moita pena que as condicións laborais non sexan mellores, pero é un proxecto que está comezando e penso que temos que poñer todos da nosa parte, e ademais, dar visibilidade tamén é unha forma de remuneración. A nivel de financiamento esperamos contar en breve cunha pequena aportación dunha asociación lusófona a cambio de incluír nalgún vídeo o apartado “Apuntamento Lusófono” e promocionar a expansión da lingua portuguesa na nosa comunidade.


7. A música, a edición... facédela vós?

Si, é todo feito na casa, con moito amor e coidado. Tamén tiro moito de colaboracións con outras artistas. Tiven que descartar unha colaboración ca cantante Sabela para a música da cabeceira de entrada. Sabela, a nosa Sabela de sempre, non a de O.T. Ela canta a canción Adiviña o que traio para ti, unha canción que me gustaba moito para a canle pero tivemos que descartala porque non era orixinal de Sabela, senón dunha cantante en América Latina e supuña moitos problemas de dereitos de autor. Ó final, preferimos colaborar con Gloria Trevi para a música da canle. A canción que se escoita ó comezo dos vídeos é dela. Despois, xa máis preto da casa, estou tratando de conseguir unha colaboración con Pili Pampín. Gústame moito o lado rústico e neorrural de Pili e tamén ese toque de romería que lle pon ás súas cancións.


8. Na súa vida cotiá o humor está tamén a orde do día?

Moito. Son unha persoa que precisa do humor para comprender o mundo e a realidade... Eu penso que o humor é un cristal a través do cal podemos entender o que sucede dunha forma bastante precisa. Moitas veces a xente non comprende o que digo ou o que fago, pero é normal. Unha vez un profesor da facultade que aprecio moito díxome algo así como: “Tú eres así… bueno, dices cosas que mucha gente no entiende. Que yo te entiendo eh, yo sí te entiendo, pero no todo el mundo te entiende”. Penso que tiña moita razón.


9. Teño entendido que tamén escribiu un libro: Os afluentes. Fálame del.

É un pequeno libro de poemas que se publicou en 2018 en Editorial Tulipa Editora. Trátase dun libro que explora as similitudes que pode haber entre os ríos e as relacións humanas. É unha especie de meditación, pero tamén un compendio de aforismos sobre a natureza e a imposibilidade de o que construímos dure para sempre.




Biografía de Vicente Vázquez Vidal

Naceu en Melide o 10 de maio de 1992. Licenciado en Linguas e Literaturas modernas pola Universidade de Santiago, especializouse no estudo da literatura e ten traballado sobre Hannah Arendt ou Karl Jaspers. Traballou como profesor de español en Lión entre 2015 e 2018, ano en que se trasladou a vivir a Lugo. En 2019 trasladouse a Arcansas cunha bolsa Fulbright a aprenderlles español e escritura creativa e en 2020 foi vivir a Nancy para dar clase de español na Universidade da Lorena.


Vídeo presentación de La Bisonte.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page