O deputado Carlos Font durante unha visita hoxe á obra destacou que “convocamos o Plan ReacPon para impulsar grandes obras transformadoras, como as que están a facer aquí”
Laura Moure/Silleda
A nova Casa do Concello de Silleda entra nunha nova fase das obras, unha vez rematados os traballos de demolición como paso previo á rehabilitación integral dun inmoble destinado a converterse no epicentro urbano da vila. O deputado Carlos Font visitou as obras, enmarcadas dentro do plan provincial ReacPon, xunto co alcalde, Manuel Cuíña. Os traballos contan cun orzamento total de 1.802.984 euros dos que a Deputación achega 713.250 euros.
As obras, que estarán rematadas cara a próxima primavera, avanzan ao ritmo do calendario previsto e así, nos próximos días, comezarán a erguerse as divisións interiores para dar forma aos distintos departamentos municipais que acollerá o inmoble. Carlos Font destacou a importancia desta transformación que, ademais de poñer en valor un edificio moi vinculado ao patrimonio arquitectónico da vila trasdezana, é unha ambiciosa aposta por ofrecer á veciñanza uns servizos públicos de calidade dende unha situación inmellorable.
O deputado salientou a “valentía” do Goberno local por acometer “un proxecto que entrañaba dificultades e que pronto estaremos en condicións de inaugurar”. “Dende a Deputación concibimos no seu día o ReacPon, o maior plan extraordinario da historia da Administración provincial, como unha oportunidade para sacar adiante novos equipamentos municipais na provincia e este, sen dúbida algunha, é un dos destacados”. “Cando pensamos en convocar o ReacPon”, engadiu Font, “queriamos impulsar a execución de grandes obras transformadoras, como as que están a facerse aquí, en Silleda”.
Nesta liña, o alcalde Cuíña recalcou que estas obras significan a redefinición do centro urbano de Silleda, situando a Casa do Concello en plena rúa Progreso. Ademais disporá dun acceso traseiro pola rúa Morón. En palabras do alcalde porase fin á “anomalía” que supoñía ter a Casa do Concello “nunha curva da N-525, nun edificio condicionado por unhas escaleiras, no que só están unha ducia de traballadores/as municipais e que, ademais, carecía de facilidades de aparcamento para a cidadanía”. Con esta nova sede municipal, destaca Manuel Cuíña, unifícase a todo o persoal baixo o mesmo teito, acabando coa dispersión en distintas oficinas situadas por todo o pobo, polo que se acaban as “peregrinacións administrativas, por exemplo cando alguén vai facer unha xestión aos Servizos Sociais e ten que presentar un papel no Rexistro e centralizando todos os servizos”.
Normativas actuais
O Plan ReacPon permite a Silleda dispor dunha Casa do Concello do século XXI, que cumpre con tódalas normativas actuais, e que reforza o modelo urbano dun pobo que ten medrado nas últimas décadas cambiando a súa fisonomía, subliña Carlos Font, da man da Deputación. Font remarcou o efecto transformador que o Plan está a ter na provincia de Pontevedra mobilizando un total de 26,3 millóns de euros para impulsar 47 obras noutros tantos concellos, entre as que hai cinco reformas de casas consistoriais. O de Silleda, engadiu, é o máis ambicioso dos proxectos deste tipo, porque, ademais da propia obra, supón un novo paso na transformación urbana da vila. Ademais valorou especialmente o feito de que a decisión de acometer esta obra partiu dun referendo popular, nun exercicio encomiable de democracia participativa.
Distribución
O novo Concello terá no andar baixo o punto de atención cidadá, o Rexistro, a Policía Local e o Xulgado de Paz. No segundo andar estarán as dependencias de Alcaldía, Intervención, Secretaría e oficinas xerais. Na última planta estará o Salón de Plenos e un Auditorio de 100 butacas para a celebración de actos. Este último andar foi completamente derrubado ao tratarse dun engadido realizado durante a reforma realizada cunha Escola Obradoiro. A maiores as obras inclúen un edificio apegado na zona traseira, con dous andares, para acoller varios servizos municipais. Alí crearase tamén un gran patio exterior con zona axardinada. A sostibilidade chega da man da utilización de tecnoloxías de baixo consumo e a incorporación do inmoble á Rede de Calor de Silleda, a primeira público-privada destas características que se executa en Galicia.
Deste xeito, Silleda dá unha nova vida ao edificio que ata hai 40 anos acolleu o cuartel da Garda Civil e que nos últimos anos foi sede da Casa da Cultura e da Biblioteca municipal, esta última xa trasladada. A Casa da Cultura pasará, unha vez rematen as obras, á antiga Casa do Concello, mantendo así a utilidade pública de dous edificios que forman parte do patrimonio arquitectónico da vila.
Comments