top of page

Silleda construirá unha rotonda e unha senda que permitirán camiñar ata o parque das Pedrosas

Carmela Silva visitou esta mañá a localidade. A actuación terá un coste de 255.000 euros

Carmela Silva, esta mañá en Silleda, con membros do goberno local.


Laura Moure/Silleda

A comunicación peonil entre o centro de Silleda e a gran contorna formada polo parque das Pedrosas e o cemiterio quedará resolta cunha rotonda que a Deputación construirá, cun orzamento de 255.175 euros, na intersección entre as estradas provincial EP-7201 e autonómica PO-201. Darase así continuidade á humanización acometida o ano pasado na rúa da Chousa Nova, onde se sitúan o Centro de Saúde e o Centro de Maiores. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou hoxe o proxecto na Casa do Concello, acompañada polo alcalde Manuel Cuiña, o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, o equipo técnico de enxeñaría da Deputación e varios concelleiros/as do municipio do Deza.


O deseño, que foi exposto polos técnicos, foi definido pola presidenta da Deputación como “o cambio dun modelo deseñado 100% para os vehículos a un modelo de prioridade 100% peonil, cun itinerario seguro e atractivo para as persoas“. Os planos inclúen unha gran glorieta cun diámetro exterior de 36 metros e diámetro interior de 16 metros, dotado con dous carrís de catro metros cada e beiravías dun metro e cunetas remontables. A permeabilidade peonil garántese coa inclusión dunha senda de 2,5 metros de ancho na súa contorna, o que permitirá eliminar a pasarela elevada, que resulta incómoda para persoas maiores ou con mobilidade reducida e cunhas pendentes non adaptadas á normativa. Finalmente, as obras habilitarán pasos de peóns para o calmado do tráfico de vehículos. A nova rotonda, ademais de facilitar os desprazamentos a pé, tamén será útil para o tráfico rodado pois facilita o cambio de sentido nun punto onde era necesario. O prazo de execución, unha vez adxudicadas as obras, será de cinco meses.


Carmela Silva explicou que había un compromiso en pé dende que en febreiro de 2020 se inaugurou a humanización da Chousa Nova, obra acometida co Plan DepoRemse de mobilidade segura. “O alcalde e a veciñanza nos dixeron que estaban encantados co cambio radical nunha zona que pasou a convertese nun espazo para as persoas, pero tamén nos comentaron que ao remate da rúa nos atopábamos cun muro invisible en forma de estrada principal, que impedía continuar ata o parque”. Silva engadiu que o compromiso “é hoxe case unha realidade, porque a obra entra en proceso de licitación e agardamos que poidamos inaugurala este mesmo ano”. Engadiu que se non se puido cumprir antes foi pola necesidade de solicitar autorizacións á Xunta de Galicia que, de feito, presentou alegacións impedindo un mellor tratamento do entronque coa estrada autonómica. “Non é o noso ideal, pero aceptámolo para que a obra saíra canto antes”, matizou.


A presidenta remarcou que a continuidade do itinerario peonil da Chousa Nova ata As Pedrosas será un novo atractivo para Silleda: “a xente que veña poderá gozar de toda a zona rehabilitada e un parque marabilloso“. “Estou encantada de cumprir con Silleda facilitando tamén que a xente quede a vivir no territorio, garantindo os equipamentos e as dotacións necesarias porque Silleda é, cada día, é un lugar más apetecible“. Silva concluíu a súa intervención felicitando ao alcalde pola súa aposta pola mobilidade alternativa e lembrou que hai estudos que demostran que o comercio de proximidade gaña futuro a medida que se recupera espazo público para as persoas que camiñan.


A eliminación do obstáculo da pasarela

O alcalde, Manuel Cuiña, destacou que a Deputación volve dar un impulso a Silleda e, trala reforma co Plan Concellos do parque das Pedrosas, “que logramos converter nun centro neurálxico do que xa gozan tódalas xeracións” e a humanización da Chousa Nova, agora se consigue enlazar ambas actuacións. Ao seu xuízo a eliminación do paso elevado prodúcese un gran avance. “A pasarela era un obstáculo máis que unha unión“, subliñou.


O alcalde enxalzou a sensibilidade de Carmela Silva “para ler as nosas necesidades dende o primeiro momento”. Tras destacar que este tipo de obras “son as que permiten que o rural non desfaleza“, e fixo un repaso ás cifras do INE, que demostran que Silleda crece case ao mesmo ritmo que outros concellos do Deza e Tabeirós perden poboación. “Algo se estará facendo ben en políticas urbanísticas e sociais“, apuntou. “Estas actuacións facilitan que a nosa veciñanza valore quedar a vivir aquí porque dispón dos mesmos servizos que en Santiago“.


Máis de 10 millóns de investimento

A Deputación de Pontevedra leva realizado un investimento superior aos 10 millóns en Silleda dende 2015, ano no que se produciu o relevo á fronte do goberno provincial, o maior investimento na historia do municipio. Durante estes cinco anos, Silleda acometeu preto de 20 obras con cargo ao Plan Concellos. Este ano, ten asignados 798.000 euros do Plan Concellos, entre elas a urbanización rúa Lourás, a reforma do campo de fútbol de Silleda, o acondicionamento rúa Estación carril bici/senda EP2011 e EP650, o arranxo do camiño de Saídres, así como actuacións de pavimentacións no rural e de adquisición de maquinaria. A maiores das grandes obras da humanización da Chousa Nova e a reforma do campo de fútbol de Bandeira, tamén puxo en marcha a contratación de 63 persoas desempregadas para traballar en servizos municipais. Este ano empregará a nove persoas para traballar na limpeza viaria, obras públicas e servizos administrativos.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page