A cita, organizada dende o departamento de Educación e Igualdade, será o vindeiro xoves día 1 na Casa da Xuventude, impartida por Paula Rivela
Laura Moure/Silleda
O departamento de Educación e de Igualdade, que dirixe Ángela Troitiño, organiza o vindeiro xoves día 1 de decembro unha sesión formativa para unha campaña de Nadal libre de estereotipos de xénero. A cita, que impartirá Paula Rivela, de Sororas, terá lugar ás 19:30 horas na Casa da Xuventude. Para participar é preciso inscribirse chamando ao 986
592 037.

Licenciada en Historia pola USC, Paula Rivela conta cun Máster en Igualdade e non discriminación pola UNED . É ademais persoal docente acreditado para a formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero, con número de rexistro 25_21 da Xunta de Galicia con máis de 3000 horas de formación en igualdade.
En canto aos contidos do curso, a sesión plantéxase nunha xornada participativa sobre as compras de xoguetes e de agasallos para o Nadal dende a perspectiva de xénero, partindo da análise da publicidade ata chegar á propia escolla dos produtos, achegando ás familias á reflexión e a un xeito de mercar máis consciente.
Esta iniciativa enmárcase nas distintas accións que se están a levar a cabo en materia de Educación e Igualdade dende o Concello de Silleda, con actividades en todos os centros e foros como a Escola de Familias, onde se abordarán outras moitas cuestións, entre elas o fomento da igualdade.
Comments