Estará impartida por Cecilia Doporto, doctora en Historia da Arte, e o luns a localidade conmemora o Día das Bibliotecas co espectáculo Trazalonia, para crianzas de 1 a 5 anos
Laura Moure/Silleda
Este venres día 21 recala en Silleda o programa A Vía Láctea e Outros Motivos Xacobeos do Camiño, un proxecto promovido polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller a
través da convocatoria O Teu Xacobeo 21-22. Ademais da parte científica, centrada na astronomía, que desenvolve o profesor José Antonio Docobo, responsable do programa, a proposta conta con outro apartado, en relación ca arte xacobea no Camiño, que imparte Cecilia Doporto.

A lalinense, doutora en Historia da Arte, será a encargada de dirixir a sesión en Silleda, que se celebrará na Casa da Xuventude (rúa Trasdeza), no segundo andar, este venres ás 21:00 horas. Esta iniciativa, que está a pasar por numerosos Concellos, analizará neste caso a relación da galaxia Vía Láctea co Camiño de Santiago.
Por outra banda, o programa Ler Conta Moito volta a Silleda o vindeiro luns día 24, xornada na que se conmemora o Día das Bibliotecas. Completando as actividades da programación (xa con iniciativas para nenos ata 10 anos e tamén maiores desta idade), o luns chega á biblioteca Daniel Castelao de Silleda o espectáculo Estrazalonia, da compañía O baúl da tía tola, dirixido ao público máis novo, de 1 a 5 anos. Estrazalonia, que se representará no segundo andar do edificio, sito na rúa Xeral, busca estimular os sentidos viaxando a través das emocións, as sensacións, a sorpresa e a ilusión.
A Estrazalonia chegan Tilín e Tilón, cada unha co seu son, e atoparán un mundo de papel, onde todo é o que cada quen quere que sexa. Neste mundo os cativos descubrirán novas texturas, novos sons, a maxia das transformacións e o poder da imaxinación.
Comments