top of page

Rafael Cuiña activará no Lalín Arena a maior feira do emprego de Galicia

Esta proposta de Compromiso por Lalín vén propiciada pola "preocupante desaceleración na baixada do paro neste mandato"


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso, Rafael Cuiña, anuncia que o programa electoral de CxL para as vindeiras municipais incluirá a proposta para a organización en Lalín da maior Feira do Emprego de Galicia.

Este evento, que se levará a cabo no Lalín Arena, permitirá poñer en contacto a demandantes con empresas de toda a comunidade. Activarase ante a seria preocupación que suscita a desaceleración experimentada no descenso dos datos do paro durante estes últimos catro anos.

Nesta liña, Cuiña lembra que no anterior mandato, entre 2015 e 2019, a cifra de demandantes de traballo baixou en máis de 550 persoas. Porén, xa baixo o goberno de Crespo e o PP, no período que vai de 2019 a marzo de 2023, o descenso do paro rexistrado sitúase nas 160 persoas.

“Pasamos dun mandato no que o número de desempregados baixou nun 34% a outro, con PP, no que esa diminución foi de tan só o 14%, bastante menos da metade que co goberno de Compromiso”, alerta Cuiña. “Parece que única preocupación laboral de Crespo durante estes catro anos foi presuntamente enchufar a determinadas persoas, en moitos casos a cambio de que se fixesen unha foto co Partido Popular en pre-campaña”, di.


A esta circunstancia engade que outros municipios semellantes, como o da Estrada, está a presentar mellores datos que Lalín en canto a número de parados e paradas, “algo que nunca sucederá e que é un motivo para que reflexionemos sobre o que se pode facer dende o noso Concello para reverter esta situación”.

Neste contexto, e malia que as competencias directas nesta materia non son da administración local, avoga por sacar partido ás que si se teñen para poñer a disposición da xente ferramentas útiles e potentes que contribúan a avanzar na creación de emprego, unha das principais preocupacións sociais.


Colaboración con outras entidades

Para a organización desta Feira, ademais do impulso do Concello, Cuiña negociará a colaboración de outras administracións, viveiros de empresas, asociacións empresariais, como a AED e outras de ámbito autonómico, así como, por exemplo, co Club Financeiro de Santiago, do que é socio fundador. “Como empresario, son plenamente consciente de que hai que facilitar as canles de comunicación e o contacto directo entre empregadores e candidatos de cara a coñecer cales son as actuais demandas e os perfís que se ofrecen para cubrilas”, indica.


Para Cuiña, a centralidade xeográfica de Lalín constitúe un factor determinante para atraer a un gran número de empresas de toda Galicia, que a bo seguro atoparán aquí a persoas procedentes de Lalín, de toda a comarca e de zonas limítrofes con formación e aptitudes para pasar a formar parte dos seus cadros de persoal. Nesta feira -seguindo o modelo que se desenvolve noutros lugares, pero coa vocación de ser a maior de Galicia- as empresas instalarán postos para presentar información sobre a empresa, as súas oportunidades de emprego e recoller currículos ou solicitudes de emprego dos candidatos interesados. Así, a feira será unha excelente oportunidade para que os candidatos se conecten directamente coas empresas, presenten o seu currículo e obteñan información valiosa sobre un gran número de oportunidades laborais.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page