top of page

Rafael Cuíña pregúntalle a Crespo "ata cando pensa seguir ocultando o novo retraso nas obras do CIS"

Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, pediulle este domingo explicacións ao alcalde do municipio, José Crespo, polo exercicio de “permanente escurantismo” en torno ás “reiteradas demoras nas obras de construción do Centro Integrado de Saúde”.

Da propaganda semanal que se viviu ao inicio das actuacións, no que se publicitaba dende a escavación dos alicerces ata a colocación do formigón, pasouse ao máis absoluto dos silencios cando se empezaron a acumular os problemas e, con eles, os atrasos, que xa suman catro anos con respecto á data prevista no convenio asinado polo propio Cuiña, tal e como sinala CxL.

As obras do Centro Integro de Saúde (CIS) de Lalín hai meses.

Agora, ante o anuncio do novo atraso desvelado polo candidato de CxL a semana pasada, "Crespo volve poñerse de perfil para facer como se non soubera nada do tema, mentres trata de eludir as súas responsabilidades cargando contra a oposición". Por iso, de maneira concreta, Cuiña pregúntalle a Crespo dende cando sabía o do novo retraso e ata cando pensaba ocultarllo aos veciños e veciñas de Lalín.

“Cónstanos que durante as visitas á carta para afíns organizadas polo Concello nin sequera se mencionou o asunto”, lembra Cuiña, quen apunta que “o máis grave é que Crespo parece que ten intención de botar terra sobre o asunto, como se o benestar e a saúde da xente non fosen cuestións cruciais para Lalín”. “Para Crespo parece que a sanidade pública so é algo que fai bonito nun programa electoral, pero que non ten nin a máis mínima intención de reivindicar”, di. Por iso, “cando o PP gaña, non gaña Lalín, senón a sanidade privada”.

Cuiña pregúntalle a Crespo se pensa seguir nesa actitude de condescendencia coa Xunta e de compracencia consigo mesmo. Fronte a isto, remarca que “cando se fala da saúde dos meus veciños e veciñas, eu téñoo claro: sempre manterei unha actitude firme, decidida e construtiva á hora de reclamar que outras administracións, sexan da cor que sexan, cumpran coas necesidades sanitarias da xente”.

Así foi no pasado mandato cando, “por moito que lle amole a Crespo, conseguimos poñer os terreos a disposición do goberno galego e asinar o convenio que hoxe permite que se estea a levantar o CIS”. “Outra cousa é o servilismo de quen prefire antepoñer os intereses do seu partido ás necesidades da xente do seu pobo”, subliña.

Por último, Cuiña entende que "non é o PP exemplo de como facer unha oposición responsable e sensata". No eido da Sanidade, lembra todos os atrancos que "intentou poñer o PP no medio da crise sen precedentes da pandemia". E con respecto á oposición feita por Crespo no anterior mandato, Cuiña incide en que “algúns decidimos mirar para adiante polo ben de Lalín, pero hai cicatrices de situacións intolerables que padecemos, e que moitos dos nosos aínda teñen”.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page