top of page

Preto do 70% das parcelarias activas en Galicia xa ten acadada a toma de posesión

Dentro dos fitos previstos para este ano están tamén os de completar as obras na rede de camiños principais en Oleiros (Silleda) e Brandariz-Obra sector Brandariz (Vila de Cruces)


Ecos da Comarca/Xeral

A Xunta impulsa as concentracións parcelarias na nosa comunidade mediante un investimento que só este ano roldará os 24 millóns de euros. Esta dotación permitirá seguir avanzando, segundo o informe do que tomou razón hoxe o Consello do Goberno autonómico, nun total de 109 parcelarias activas en Galicia, que en total concentran preto de 100.000 hectáreas.


Destas 109 parcelarias activas, 80 foron decretadas previas á entrada en vigor da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (a coñecida como Metaga), e poñen en valor 74.100 hectáreas. Apoiado polo esforzo continuado do Goberno autonómico, que leva investido preto de 190 millóns de euros neste paquete de parcelarias, un total de 55 das 80 -o 69 %- ten acadada a toma de posesión, polo que os titulares dos predios reestruturados -en total, 53.762 hectáreas desas 74.100 incluídas nestas concentracións- xa poden beneficiarse dun xeito efectivo deste proceso.

No documento destácase a forte aposta da Xunta por esta figura, dentro do obxectivo estratéxico de mobilizar terra agraria para poñela a disposición dos produtores e así reverter o abandono. Neste sentido, só entre os anos 2021 e 2023 decretáronse outras 29 zonas de concentración parcelaria -7 na provincia da Coruña, 11 en Lugo, 5 en Ourense e 6 en Pontevedra-. Estes decretos procuran a reorganización dunha superficie aproximada de 25.000 hectáreas, a través dunha ferramenta, a Metaga, que recorta dun xeito notable os prazos dos trámites previstos neste proceso. Estes datos avalan o compromiso do Goberno autonómico coa mobilización de terras - potenciado a través da Lei de recuperación da terra agraria- e que se referenda tamén co volume de parcelarias pechadas nos últimos catro anos.


Neste sentido, no informe recóllese, por exemplo, que, dende o ano 2020, entregáronse os títulos de propiedade de 32 zonas de concentración parcelaria en toda Galicia -15 na Coruña, 11 en Lugo, 4 en Ourense e 2 en Pontevedra-. Estas abranguen en total unha superficie de 21.753 hectáreas pertencentes a 17.318 propietarios, o que permitiu concentrar 168.975 60 parcelas en 36.690 predios finais, cuadriplicando -o incremento é do 461%- o tamaño medio das leiras, ao pasar dos 1.286 m² aos 5.928 m².


Publicidade

Mellora da rede de camiños das parcelarias

O investimento do Goberno autonómico para este ano estará destinado a obras e servizos técnicos das novas reestruturacións, así como para continuar avanzando nas restantes parcelarias activas. Dentro dos fitos previstos para este ano están tamén os de completar as obras na rede de camiños principais en Oleiros (Silleda) e Brandariz-Obra sector Brandariz (Vila de Cruces), así como na rede de camiños secundarios en Arantón Santa Sabiña (Santa Comba), Fisteus (Curtis), Guillamil Sabariz (Rairiz de Veiga) e Briallos (Portas).


A realización das obras da rede viaria destas zonas activas, coa execución de dúas redes de camiños principais e catro redes de camiños secundarios, preve un investimento neste ano de algo máis de 2 millóns de euros. O estudo avaliado hoxe polo Goberno autonómico sinala que estes procesos teñen indubidables vantaxes. Entre elas, reducen o número de predios por explotación e incrementan a súa superficie, o que permite obter unha mellor base territorial e abaratar os custes de monte e de produción. Estes procesos tamén clarifican e actualizan a titularidade da terra e crean unha rede viaria que permite a mellora das comunicacións.


Esta mellora rexístrase non só cos propios predios senón, evidentemente, entre poboacións, o que facilita a modernización dos medios tanto mecánicos como estruturais das explotacións existentes ou de explotacións de nova creación. Asemade, estas iniciativas facilitan o asentamento de poboación no rural e a incorporación de novos activos -en especial de persoas mozas- ás explotacións agrícolas, gandeiras e forestais


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page