top of page

Preto de 400 persoas participan nunha andaina entre Palas de Rei e Santiso contra a macrocelulosa de Altri

Os asistentes formaron unha cadea humana arredor do Ulla ao berro de “a agua é nosa, e non da celulosa. Antri Non”


Ecos da Comarca/Xeral

Preto de 400 persoas convocadas polo colectivo Santiso Vivo da Plataforma Ulloa Viva participaron este domingo nunha andaina reivindicativa que percorreu os cinco quilómetros que separan a Finca de Quintas (Palas de Rei), onde Altri quere construír unha macrocelulosa, e a área recreativa de A Cornella (Santiso). A andaina percorreu parte do trazado no que a pasteira lusa proxecta os 12,5 quilómetros de tubaxes dos 46 millóns de litros de auga que pretende captar ao día do encoro de Portodemouros, e a devolución ao río Ulla dous quilómetros arriba de 30 millóns de litros de auga contaminada.


A protección do río Ulla, pola súa importancia na zona afectada por Altri, e tamén coma fornecedor de auga a 11 concellos ata a Ría de Arousa, centrou parte desta andaina que rematou cunha simbólica cadena humana arredor deste río, simbolizando a súa protección por parte da veciñanza, ao berro de “a auga é nosa e non da celulosa. Altri non”. Aos veciños e veciñas participantes nesta iniciativa, sumáronse o alcalde de Santiso, Manuel Adán; o alcalde de Melide, Xosé Manuel Pérez; o de Vila de Cruces, Luís Taboada; o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril; o rexedor de Agolada, Luís Calvo; o alcalde de Toques, José Ángel Penas, o concelleiro de Antas de Ulla, José Ouro, ademais de representantes das corporacións municipais de Antas de Ulla, Touro, Vila de Cruces, Melide ou Touro.

A xente fixo unha cadea humana en protesta. Autor: Ecos da Comarca.

Veciños e veciñas de todas as idades e todos os concellos das comarcas da Ulloa, Deza,

Terra de Melide e Arzúa cubriron o percorrido desta andaina en pouco máis dunha hora, e á súa chegada á área recreativa de A Cornella (Santiso) desfrutaron ‘dun chocolate, churros e música a cargo dos organizadores do evento. Ademais a chegada á Cornella foi un momento de especial reivindicación ao formar os participantes unha cadea humana arredor do río Ulla, reivindicando a súa protección con pancartas e consignas de “Altri Non”.

Saúde e patrimonio

Coma colofón á andaina tomou a palabra para os asistentes Sara Castro, médica de familia

no Centro de Saúde de Santiso, que explicou aos presentes a importancia de “seguir unidos e loitar para parar este proxecto”. A doutora Castro analizou os datos do proxecto

publicados por Altri no Diario Oficial de Galicia (DOGA) o pasado 4 de marzo e asegurou ao respecto que os datos da empresa “son vagos e coinciden sospeitosamente cos límites

máximos establecidos ao respecto pola Xunta de Galicia”. Coma médica, Sara Castro afirmou que “preocupa o tema da auga polo risco dos vertidos con nitratos, nitróxeno e fósforo a altas temperaturas”. Esto provocará, segundo explicou Castro, a creación de microcistinas na auga que son perxudiciais para a saúde a curto prazo podendo provocar mareos e vómitos pero a longo prazo ademais poden provocar danos hepáticos e neurolóxicos”.


Publicidade

A doutora Castro deixou claro que a empresa “nos di como vai evitar isto, e os danos sanitarios están aí”, ademais dos provocados pola chuvia ácida ou o dano acústico nas

persoas dunha macroindustria coma esta”. A modo de conclusión a médica de Santiso e natural de Arzúa destacou que “o balance risco-beneficio é claramente perxudicial”.


O director do Museo Terra de Melide’, Xosé Manuel Broz, tamén tomou a palabra na Cornella para advertir que “nos queren roubar a terra e o río”. Explicou que “este pobo xa

loitou contra a invasión dos franceses e a historia sempre se repite. Estamos diante doutra invasión estranxeira axudada por traidores á terra”.


O EQUIPO DE ECOS DA COMARCA PARTICIPAMOS NA ANDAINA. NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS O VÍDEO DA MESMA, NO QUE TAMÉN FALAN OS DISTINTOS ALCALDES.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page