top of page
Foto del escritorLaura Moure

Preto de 1.800 persoas preséntanse ás oposicións do Servizo Galego de Saúde desta fin de semana en Silleda

A participación da categoría de fisioterapeuta foi do 85 %; de enfermeira especialista en enfermaría familiar e comunitaria, do 83 %; de técnico superior en hixiene bucodental, do 82 %; e de técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información, do 64 %


Laura Moure/Silleda

Un total de 1.793 persoas presentáronse este sábado en Silleda a unha nova xornada de oposicións do Servizo Galego de Saúde en catro categorías profesionais.En concreto, 948 persoas presentáronse á categoría de fisioterapeuta (o que representa un 85 % sobre o total de admitidas); 544 en enfermeira/o especialista en enfermaría familiar e comunitaria (un 83 %); 278 en técnica/o superior en hixiene bucodental (82 %) e 23 en técnica/o superior de sistemas e tecnoloxías da información (64 %).

Nesta xornada, o Sergas oferta un total de 134 prazas distribuídas en 61 prazas de enfermeira/o especialista en enfermaría familiar e comunitaria; 70 de fisioterapeuta; 1 de técnica/o superior de sistemas e tecnoloxías da información; e 2 de técnica/o superior en hixiene bucodental.


A entrada ao pavillón de realización de exames completouse en menos de media hora grazas á coordinación do persoal colaborador da Consellería de Sanidade, persoal de informática e de seguridade, ademais da colaboración do 061, Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local, Protección Civil e persoal da empresa concesionaria da autopista.


Publicidade


Ademais, hoxe cóntase cun instrutor da ONCE que lle facilita a realización do exame a unha opositora con discapacidade visual. Para iso, habilitouse unha sala onde un programa le en voz alta os enunciados das preguntas do exame e as distintas opcións para que a aspirante, de palabra, indique a opción que considera correcta.


En canto a adaptacións, foron solicitadas máis dunha ducia, ademais de 15 peticións de lactancia. Previamente, tanto embarazadas como persoas con mobilidade reducida teñen acceso preferente tanto ao aparcadoiro como á entrada do pavillón. Nesta ocasión, non houbo necesidade de realizar exames en centros hospitalarios para casos de mulleres con parto próximo ou recente. Unicamente unha aspirante que deu a luz hai menos dun mes solicitou unha cadeira máis cómoda.


En marzo continúan as probas

O vindeiro sábado día 16 de marzo o Servizo Galego de Saúde proseguirá coa realización das probas selectivas para a cobertura de prazas en 37 categorías de persoal estatutario licenciado sanitario.


En concreto, durante a quenda de mañá, desenvolveranse os exames de facultativo/a especialista en: alergoloxía; anatomía patolóxica; anxioloxía e cirurxía vascular; cirurxía cardiovascular; cirurxía oral e maxilofacial; cirurxía pediátrica; cirurxía plástica, estética e reparadora; dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía; endocrinoloxía e nutrición; medicina física e rehabilitación; medicina intensiva; microbioloxía e parasitoloxía, nefroloxía, neurocirurxía, neuroloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía; pneumoloxía; psiquiatría; uroloxía; xeriatría, médico/a admisión e documentación clínica, e médico/a asistencial do 061.


Publicidade

Xa pola tarde, realizaranse as probas de anestesioloxía e reanimación; aparello dixestivo; cardioloxía; cirurxía torácica; cirurxía xeral e aparello dixestivo; hematoloxía e hemoterapia; medicina interna, medicina preventiva e saúde pública; neuroloxía, pediatría e as súas áreas específicas; psicoloxía clínica, radiodiagnóstico, reumatoloxía; e médico/a coordinador do 061.


Ao longo deste mes de febreiro, o Sergas está a ofertar un total de 913 prazas distribuídas en 10 categorías. Así, ás 134 prazas de hoxe sábado, débense engadir as 779 ofertadas durante a pasada fin de semana, na que participaron máis de 13.500 opositores.


0 comentarios

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page