Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O PP de Vila de Cruces considera que "a verdade e a realidade sempre acaban saindo á luz, como ven de pasar nestes días, onde dispoñemos dun informe demoledor contra a xestión municipal de Vila de Cruces".
"Todos os veciños e veciñas son coñecedores das axudas que a Xunta de Galicia concede
ó noso municipio, pero hoxe, queremos deternos nunha área primordial, a dos Servizos
Sociais, pois representan unha serie de servizos básicos para prestar atención aos nosos maiores e aos nosos nenos e nenas". Lembra que en Vila de Cruces, hai tres centros públicos de servizos sociais: unha escola infantil da Xunta de Galicia, unha residencia municipal de maiores e un centro municipal polivalente para persoas maiores, "o cal recibiu unha axuda de 200.000 euros por parte da Consellería de Política Social e Xuventude para a súa construcción, realizada polo noso grupo".

E subliña que "de especial interese para toda a veciñanza é o feito de que o Concello de Vila de Cruces non solicitou acollerse ao Plan de Investimentos posto en marcha pola Xunta de Galicia a través do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar para a rehabilitación e ampliación de equipamentos sociais de titularidade municipal, como é o caso da residencia municipal de maiores e o centro de día, tan demandado e necesario para o municipio, o cal puideron poñer en funcionamento co financiamento da Xunta de Galicia, pero a realidade é que nin se molestaron en tramitar a solicitude".
"Tamén podemos asegurar e demostrar que o Concello de Vila de Cruces tampouco solicitou diante da Xunta de Galicia axuda algunha para a ampliación da escola infantil. Ó igual que tampouco solicitou axuda para a posta en marcha dunha unidade de Atención Temperá para nenos entre 0 a 6 anos con problemas no desenvolvemento ou en risco de padecelos. Ante esta situación preguntámonos se a cidadanía de Cruces se conforma con non ter servizos esenciais para o seu benestar. O Partido Popular seguirá traballando e loitando para que Vila de Cruces se manteña na segunda categoría, traendo servizos e infraestruturas fundamentais para o noso municipio, mentras que de seguir así, as políticas deste equipo de goberno, están levando ó noso concello a unha cuarta categoría".
E subliña que "ciframos a perda de inversións no municipio en case 7M€ por culpa da inacción, incapacidade e desinterese do actual goberno local, antepoñendo os seus propios intereses ás necesidades reais da veciñanza".
Comments