Pint of science promove en Palas de Rei charlas que levan o coñecemento científico aos bares
- Laura Moure

- hace 2 horas
- 3 Min. de lectura
Esta iniciativa arrancou onte e extenderase ata mañá con distintos profesionais
Laura Moure/Palas de Rei
Poden os “virus bos” converterse en aliados fronte ás superbacterias? Ata que punto inflúen a intelixencia artificial e os algoritmos no que lemos e pensamos? Que historias agochan as mulleres do rural arredor do leite? Estas e moitas outras preguntas igual de chamativas forman parte dos títulos das charlas científicas que se abordarán estes días en Palas de Rei. Arrancou onte e continúan hoxe, o martes 19 ,e o mércores 20 de maio participando no festival “Pint of Science”, o maior evento de divulgación científica gratuíto do mundo.

Neste festival, investigadoras e investigadores de distintas disciplinas achegan o seu traballo ao público nun contorno pouco habitual para a ciencia: os bares, convertendo estes espazos cotiáns en puntos de encontro entre o coñecemento e a curiosidade.
No “Pint of Science” de Palas de Rei, as charlas desenvolveranse en distintos espazos hostaleiros do municipio ás 19:30 horas da tarde, convertendo ós bares en puntos de encontro entre ciencia e cidadanía ao longo de tres xornadas nas que se abordarán temas de saúde, medio ambiente e sociedade.
A programación comezou onte no Albergue Zendoira cunha sesión que combinará ciencia do corpo humano e do territorio. Isidro García Meniño explicou como os chamados “virus bos” poden empregarse como alternativa fronte ás superbacterias, un dos grandes retos sanitarios actuais. A continuación, Marta I. Miranda Castañón abordou a falta de selenio en Galicia e como esta carencia afecta tanto á saúde dos animais como das persoas. Pola súa banda, Horacio García convidou a entender mellor o comportamento dos ríos, explicando por que non sempre seguen os nosos plans e que podemos aprender da súa dinámica natural.
PUBLICIDADE
Hoxe, martes 19 de maio, o Restaurante Eira acollerá unha nova xornada centrada na relación entre saúde e medio ambiente. Joel Rodríguez Ruiz analizará o papel dos bosques na regulación do carbono e a súa importancia na loita contra o cambio climático. Seguidamente, Elena Lendoiro Belío abordará como o cabelo pode empregarse para reconstruír a exposición a substancias ao longo do tempo, unha ferramenta clave en ámbitos como a saúde e a xustiza. Finalmente, Jesús Mateos Martín explicará como as proteínas funcionan como indicadores fundamentais do noso estado de saúde e como axudan a detectar e comprender enfermidades.
O mércores 20 de maio, a cafetería Km66 será o escenario da última xornada, dedicada á sociedade e ao futuro do medio rural. Marta Veiga Izaguirre presentará o proxecto CALLEIRA, que recupera as historias e experiencias das mulleres arredor do leite no rural lucense. A continuación, Carlos Toural Bran reflexionará sobre como a intelixencia artificial e os algoritmos inflúen na información que consumimos e na calidade da democracia. Para pechar, Mar Pérez Fra abordará o papel das mulleres na transformación do medio rural e os retos necesarios para construír territorios máis igualitarios e sostibles.
PUBLICIDADE
Un dos obxectivos da organización en Palas de Rei destes encontros é achegar a ciencia á sociedade, un reto que non sempre é sinxelo, xa que a cidadanía non adoita ter un contacto directo coas universidades e os centros de investigación. Por iso, iniciativas como “Pint of Science” buscan precisamente inverter esa dinámica e levar as investigadoras e investigadores a espazos cotiáns e accesibles, como os bares, onde se xera un contorno próximo e distendido que facilita o diálogo, a curiosidade e o intercambio de coñecemento co público.
Neste sentido, a elección de Palas de Rei cobra especial relevancia pola súa estreita vinculación co mundo rural, un contexto no que a ciencia ten un impacto directo en ámbitos como a saúde, o medio ambiente ou a xestión do territorio, e onde este tipo de encontros contribúen a reforzar o vínculo entre coñecemento científico e realidade cotiá.








Comentarios