Pedro Blanco reivindica en Monterroso a acollida e a integración como “unha oportunidade para Galicia”
Máis de 50 persoas atendidas polo programa están traballando na comarca, principalmente nos sectores da construción, a hostalería, a gandaría e a agricultura
Laura Moure/Monterroso
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou en Monterroso o centro da ONG Rescate, que participa no Programa de Acollida de Protección Internacional e Temporal do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, destinado a atender e acompañar persoas solicitantes e beneficiarias de protección internacional e temporal que carecen de recursos económicos.

Acompañado pola coordinadora do centro, Catalina Trobat, e pola coordinadora de Administración e Finanzas de ONG Rescate, Rebeca López, o delegado coñeceu de primeira man o traballo que desenvolve a entidade e os diferentes servizos que presta para favorecer a autonomía e integración das persoas atendidas.
Desde a súa posta en marcha, hai case dous anos, todas as persoas que pasan por este recurso reciben unha atención integral que inclúe manutención e aloxamento, apoio e acompañamento social, psicolóxico, xurídico e cultural, así como servizos de interpretación, ensino do idioma e tradución, orientación laboral e profesional. Ademais, contan cun itinerario individualizado orientado a favorecer a súa autonomía e integración social e laboral, con actuacións dirixidas a garantir unhas condicións mínimas de dignidade e facilitar a súa incorporación á sociedade.
PUBLICIDADE
“As persoas migrantes teñen dereito a unha vida digna e a unha oportunidade de integración nunha sociedade como a galega, unha sociedade de acollida, como fixeron antes moitas e moitos neste país. A migración é unha oportunidade para Galicia”, sinalou o delegado.
O resultado deste proceso de acompañamento tamén se reflicte na incorporación laboral. Na actualidade, máis de 50 persoas atendidas polo programa están traballando na comarca, principalmente nos sectores da construción, a hostalería, a gandaría e a agricultura. Pedro Blanco destacou que “esta realidade demostra que a acollida e a integración son procesos que benefician tanto ás persoas que chegan como ás comunidades que as reciben”, e puxo en valor o exemplo de convivencia que representa
Monterroso e a súa comarca.
PUBLICIDADE
O delegado reivindicou así o compromiso do Goberno de España coa defensa dos dereitos humanos e cun modelo de acollida que combina protección, acompañamento e integración, ao tempo que agradeceu o traballo dos profesionais de ONG Rescate e das entidades que colaboran no desenvolvemento deste programa en Galicia.
PUBLICIDADE
Programa de Acollida de Protección Internacional e Temporal
Este programa do Goberno conta cunha rede de recursos e servizos destinados a atender persoas en situación de vulnerabilidade que chegan ao territorio español, ofrecendo desde atención sociosanitaria e acollida de urxencia ata apoio para cubrir as necesidades básicas e avanzar cara á autonomía personal e laboral.










Comentarios