Pedro Blanco reafirma o apoio do Goberno aos pequenos concellos do rural como Antas de Ulla
- Laura Moure
- 21 jun
- 2 Min. de lectura
O delegado reuniuse coa alcaldesa Pilar García Porto para facer balance dos investimentos estatais no Concello e abrir novas vías de colaboración
Laura Moure/Antas de Ulla
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, subliñou o apoio do Goberno aos pequenos concellos rurais, colaborando activamente con proxectos que melloran a
vida da xente e loitan contra o abandono territorial. Así o asegurou tras reunirse coa alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, para facer balance dos investimentos estatais neste concello e coñecer de primeira man novas necesidades e propostas.

Pedro Blanco destacou o esforzo do Goberno por estender as políticas públicas a todo o territorio e poñer os recursos do Estado ao servizo dos concellos máis pequenos, como Antas de Ulla. Subliñou tamén o compromiso da alcaldesa para impulsar o desenvolvemento do seu municipio, captando fondos en distintas convocatorias e traballando de xeito coordinado cos ministerios. “Pilar García Porto é un exemplo de boa xestión local e de como a colaboración entre administracións se traduce en
servizos e oportunidades para a veciñanza”, afirmou o delegado.
Publicidade
O encontro permitiu revisar os proxectos en marcha e abrir novas vías de cooperación. “Temos a man tendida para seguir colaborando”, sinalou Blanco, quen valorou tamén o simbolismo de concellos coma este: “O que aquí se fai serve como modelo de impulso á cohesión territorial e ao benestar no rural”.
Publicidade
Investimentos do Goberno en Antas de Ulla
Antas de Ulla recibiu máis de 1 millón de euros do Goberno a través de distintos programas e fondos, entre eles a reforma da Casa da Cultura cunha achega de 810.000 euros do Programa PIREP para mellorar a eficiencia enerxética e os espazos para as asociacións culturais locais, a renovación do alumeado público con 241.412 euros do IDAE para un proxecto de eficiencia enerxética, a extensión da banda ancha mediante o Programa ÚNICO que leva fibra óptica de alta velocidade a 385 vivendas e empresas do concello, ou os fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para accións de prevención e sensibilización, que adxudicou este ano 1.851,95 euros para Antas.
Ademais, o concello tamén recibiu programas como o da Axencia Tributaria para facilitar que as persoas maiores de 65 anos poidan facer a declaración da renda no propio concello mediante videochamada, contribuíndo a reducir a fenda dixital e mellorar o acceso á administración.
Yorumlar