Laura Moure/Silleda
O grupo municipal de goberno de Silleda, logo dun proceso de reflexión e análise sobre a nova situación que se abre ca saída de Manuel Cuiña do executivo, decidiu que será finalmente Paula Fernández Pena quen ocupe a Alcaldía.
Dende o partido e o grupo municipal socialista se ten valorado ampliamente nos últimos días os perfis das dúas compañeiras que podían optar a este posto, tanto dende o punto de vista da experiencia como da formación de ambas, concluíndose que combinan perfectamente para establecer un tándem ideal para traballar polo pobo, con independencia de quen sexa de elas quen ocupe o cargo de Alcaldesa.
Publicidade
Así pois, valorouse o perfil de Paula Fernández como un perfil máis técnico, refrendado ademais coa súa experiencia na Deputación de Pontevedra, o que lle outorga un amplo nivel de coñecemento na xestión tanto municipal como no reto que Silleda afrontará no futuro inmediato coa xestión de fondos europeos.
Pola súa banda, Mónica González, ten un perfil vinculado á comunicación e cunha maior experiencia no contacto ca cidadanía, contando de feito cunha presencia indiscutible entre os colectivos sociais e culturais do municipio. “Neste equipo, no que todas e todos temos a mesma valía para seguir traballando como ata o de agora, consideramos que é a opción máis axeitada para todo o grupo, para o bo funcionamento do Concello e polo
tanto para o pobo de Silleda”, indica Fernández Pena.
Pola súa banda, Mónica González, que asume a Alcaldía en función ata que se celebre o pleno extraordinario de toma de posesión, advirte que neste proceso “o importante non son as posición numéricas, senón o mellor para todo o grupo”.
Publicidade
A decisión xa foi comunicada tamén a todos os grupos políticos da Corporación Municipal.
Está previsto que nos próximos días se convoque a sesión extraordinaria para a elección de Paula Fernández como alcaldesa, e na que tamén se prevé que tome posesión como novo concelleiro da Corporación Manuel Requeijo Rey, que se incorporará ás filas do goberno.
Esta mesma mañá o equipo de goberno e o propio Requeijo mantiveron un novo encontro para seguir perfilando a reestruturación das áreas de goberno que se formalizará unha vez pasado o pleno de toma de posesión.
Publicidade
Paula Fernández Pena (Silleda, 1971), diplomada en Arquitectura Técnica, foi a primeira muller alcaldesa do municipio, entre 2007 e 2009 e máis tarde entre 2011 e 2013, ano no que se convertiu en Senadora. Entre 2015 e 2023, foi ademais directora de gabinete na Presidencia da Deputación de Pontevedra.
En xullo de 2021 regresou como concelleira á Corporación de Silleda, facéndose cargo da concellería de Urbanismo, ca que continúa a día de hoxe xunto cas áreas de Medio Ambiente e de Promoción Económica.
Commentaires