O BNG de Lalín sinala que a ambulancia anunciada “xa era un parche” de 12 horas polo día e “con enfermería non medicalizada”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín critica “outro engano e outra tomadura de pelo” aos veciños e veciñas o anuncio feito o pasado mes de abril no Parlamento polo conselleiro de Sanidade de que dotaría a Lalín dunha nova ambulancia. O candidato do BNG de Lalín, Paco Vilariño, asegura que no PP “non tiveron vergoña de facer tal anuncio antes das eleccións municipais e aínda por riba o que nos prometían era unha ambulancia con soporte vital de enfermería no canto da ambulancia medicalizada que os veciños e veciñas de Lalín levamos anos reclamando”. Por iso Vilariño pídelle ao PP que “deixe de facer campaña a costa da vida e a saúde dos veciños e veciñas de Lalín”.

Vilariño lémbralle ao conselleiro de Sanidade e ao alcalde que “os veciños e veciñas de
Lalín non somos parvos, e sabemos que esta ambulancia non sería medicalizada, só
prestaría servizo 12 horas polo día e nin de lonxe cubre as necesidades de Lalín e
comarca. Claro exemplo desta tomadura de pelo foron as palabras textuais do señor alcalde cando afirmou que a nova ambulancia “empezaría a funcionar no outuno”, palabras que distan moito da cruda realidade".
O voceiro nacionalista sinala ademais que “é o colmo” que logo de que morrera un
veciño no 2019 por non ter este servizo, e logo de que Núñez Feijóo se comprometera a
dotar de xeito inmediato a Lalín dunha ambulancia interpelado pola voceira do BNG
Ana Pontón, “pasaron catro anos sen cumprir dita promesa , e xusto antes das eleccións anunciaron outra nova mentira que ademais sería un parche”. Vilariño considera “vergoñento” que o PP “minta descaradamente en sede parlamentaria una vez
máis”.
Publicidade
“Non coñecen a vergoña, é lamentable que sigan xogando coa vida dos veciños e
veciñas”, critica o voceiro nacionalista, “votan sistematicamente en contra de que Lalín
teña ambulancia medicalizada dende hai anos ás múltiples iniciativas que o BNG
presenta ao respecto deste servizo".
A ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería que o conselleiro de Sanidade
anunciara para Lalín, segundo dixo Comesaña, atendería especialmente zonas dispersas
e alonxadas do centro hospitalario de referencia. “Pois tendo en conta que este servizo
só funciona 12 horas polo día resulta curioso que pola noite desapareza esa dispersión e
Lalín xa non debe estar a 50 quilómetros de Santiago”, explica Vilariño. "Repítese a
macabra historia: o PP primeiro míntenos, despois néganos un servizo vital para Lalín,
volve vender un parche que non é o que Lalín precisa e de novo vemos que é mentira.
Incluso no caso de ser certo, estaríamos falando que é un recurso insuficiente e de baixa
calidade. Nós queremos un recurso cun equipo profesional completo, é dicir, 2 técnic@s,
enfermeir@ e médic@ e non cun a tempo parcial e cun técnico e enfermeira soamente".
Vilariño pregúntalle ao PP “se para eles a vida de outros veciños de distintos concellos
do país que si que contan con este recurso ten máis valor que a vida da veciñanza de
Lalín’”
Publicidade
Demanda do partido nacionalista
Fai anos que o BNG leva reclamando da Xunta unha ambulancia medicalizada para
Lalín, no Parlamento de Galicia o PP ten votado neste tempo sistematicamente en
contra das iniciativas nacionalistas ao respecto. Mesmo o BNG lalinense ten recollido
7.000 sinaturas de veciños e veciñas reclamando este servizo. Paco Vilariño levou ao
pleno esta demanda en numerosas ocasións, "e o PP de Crespo ten votado en contra ao
igual que en Santiago, convertíndose en cómplice da Xunta neste desprezo pola vida
dos lalinenses”.
Comments