Os estudantes quédanse en terra no Pino
- Laura Moure
- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
Este Concello pídelleá Xunta reforzar o primeiro bus cara a Santiago para que os estudantes cheguen a tempo ás clases e non queden nas paradas
Laura Moure/O Pino
Moitos estudantes do Pino non poden utilizar o primeiro autobús que vai cara a Santiago (sobre as 8:15 horas) porque cando chega ao municipio o vehículo está xa cheo, tal e como apunta o Concello do Pino. O alumnado ten que quedar en terra e utilizar coches particulares para chegar a tempo ás clases ou aos exames. Este xoves, so puideron subir catro mozos en Arca, permitindo os propios afectados que utilizaran o transporte público aqueles que tiñan exames a primeira hora, tal e como lamenta o Concello.
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, envioulle este mesmo xoves unha carta ao conselleiro
de Presidencia (da que depende Mobilidade) para que se reforce este servizo a primeira hora da mañá con outro autobús, que podería beneficiar tamén aos municipios de Melide e Arzúa.

Manuel Taboada solicita a colaboración da veciñanza afectada, pedíndolle que remitan fotografías e vídeos ao concello para poder acreditar documentalmente aqueles casos nos que os estudantes non puideron subir ao autobús porque xa viña cheo. O alcalde explícalle ao conselleiro na carta os principais problemas co transporte público cara a Santiago nos últimos dous anos. Un dos efectos “máis preocupantes” afecta directamente ao transporte a mocidade que estudia en Santiago. O primeiro autobús que pasa polo Pino (entre 8:15 e 8:20 horas) “chega con frecuencia totalmente ocupado, sen asentos dispoñibles, o que provoca que xa nas primeiras paradas do municipio (A Salceda, O Empalme e O Amenal), os estudantes non poidan subir ao autobús e queden nas paradas, tendo que recorrer a vehículos particulares para chegar aos seus centros educativos, tanto
institutos como á Universidade de Santiago”.
Unha situación que se agrava a partir do mes de abril ou maio, “cando moitos peregrinos
utilizan estes mesmos autobuses para facer o Camiño de Santiago”, di o alcalde. “Moitos deles viaxan con billetes adquiridos online, case dándolles unha preferencia de acceso fronte a outros usuarios, e tamén se detectan problemas de puntualidade, polo que o alumnado, moitas veces, chega tarde as clases”, engade a carta remitida a Xunta.
Publicidade
Un exemplo ocorreu este mesmo xoves, segundo relatan algunhas persoas afectadas. O autobús chegou cheo a Arca, onde só baixaron catro pasaxeiros. Como no podían subir todas as persoas que ían para Santiago, foron os propios estudantes os que deixaron que utilizararan o autobús aqueles que tiñan exame a primeira hora.
O Concello pide medidas urxentes para acabar con esta problemática. “Unha posible solución sería reforzar a liña cun segundo autobús a primeira hora, durante os meses de maior ocupación. Un reforzo que podería comezar nos concellos de Melide ou Arzúa, tamén afectados por esta situación, contribuíndo deste xeito a garantir un servizo de transporte público digno e eficaz”, finaliza a misiva remitida polo alcalde do Pino á Consellería de Presidencia.
Comments