Laura Moure/Deza
A Comarca de Carballiño acolleu a segunda edición do Rallye Pazo Tizón esta pasada fin de semana, unha proba na que os dezás Javier Ramos e Álex Moure lograban o seu mellor resultado ata a data. Como vén sendo habitual esta tempada, a inestabilidade da climatoloxía volvía ser determinante á hora da elección de pneumáticos. Coa ausencia de Víctor Senra en Carballiño, o gran candidato á vitoria era Alberto Meira, quen á súa vez tería que tratar de conter os ataques dun Jorge Pérez cada vez máis adaptado ao seu Hyundai i20 R5 co que marcou varios Scratch.
Prevíase unha bonita loita polo terceiro caixón do pódium. A metade de rallye, Alberto Meira e Avelino Martínez lideraban por diante de Jorge Pérez – Míriam Beira. O terceiro lugar ocupábano Javier Ramos e Álex Moure, con escasa marxe sobre Alexis Vieitez – Cristian Álvarez. O quinto lugar ocupábao Josito Lamela e Néstor Casal. No penúltimo tramo, un inoportuno picado de Jorge Pérez relegouno da segunda á cuarta praza, ascendendo Javier Ramos e Álex Moure do terceiro ao segundo escalón do pódium. Alexis Vieitez e Cristian Álvarez eran finalmente terceiros e primeiro clasificado N5.
Publicidade
Javier Ramos confesa que "foi un rallye bonito no que tratamos de loitar polo pódium desde o primeiro tramo. Tiñamos na man o terceiro caixón, pero finalmente por unha picada dun compañeiro fomos segundos. Este é o mellor resultado que obtiven nun rallye, polo que quero dedicarllo á miña familia e ao equipo xa que sempre están aí”.
Javier Ramos conseguira subir ao pódium en 2014 no Rali do Cocido, ocupando a terceira praza detrás de Iván Ares e do propio Alberto Meira. Pola súa banda, este é o primeiro pódium de Álex Moure, quen apenas leva dous anos participando como copiloto.
Publicidade
Álex Moure sinala que "rozaramos o podio absoluto en varias ocasións nas que fomos cuartos, pero esta fin de semana ao fin lográmolo. Será dificil volver repetilo, polo que debemos valorar o conseguido”. Ademais, Ramos-Moure suman importantes puntos de fronte ao Campionato R5, no que ocupan a segunda posición detrás de Alberto Meira e Avelino Martínez.
Comments