top of page
Foto del escritorecosdacomarca

"Os 15 anos de goberno do PP dan como resultado unha Sanidade pública esnaquizada", recalca a nacionalista Ariadna Fernández

Ecos da Comarca/Deza

A candidata nacionalista de Lalín ao Parlamento Galego Ariadna Fernández fala da importancia dunha Sanidade pública e de calidade. "Os 15 anos de goberno do PP dan como resultado unha Sanidade pública esnaquizada", recalca.


O seu comunicado íntegro:

"O BNG ten como bandeira a defensa incondicional da Sanidade pública e de calidade, ben coñecido por todas e todos ao longo destes anos, onde as mobilizacións en prol deste servizo foron unha constante, milleiros de persoas que se erguen por poñer fin á privatización á que a somete o PP, co seu consecuente desmantelamento.

0s 15 anos de goberno do PP dan como resultado una Sanidade pública esnaquizada: Centros de Saúde e PACs cun estado lamentable e unha escaseza de persoal xamais vista antes, consultas telefónicas que substitúen as presenciais, estas últimas en ocasións con lista de agarda de 15 días e centros masificados, sen especialidades, sen pediatras, con esperas de semanas… así mesmo ocorre cos servizos de urxencias hospitalarios colapsados, con listas de agarda hospitalarias manipuladas que ocultan máis da metade dos doentes, servizos de Saúde Pública sen recursos para afrontar as epidemias, persoas maiores abandonados nas residencias e na dependencai e un persoal sanitario insuficiente que soporta unhas condicións laborais precarias e indignas...


Dende o BNG somos concientes de que a atención primaria é o eixo sobre o que debe xirar o resto da Sanidade, tendo como centro da roda sempre ás persoas, aos doentes, sendo eles e elas as protagonistas. É por iso que cremos na posta en marcha dun novo modelo baseado nos equipos multidisciplinares de profesionais, suficientes en número e con condicións laborais dignas, aumentando o número de profesionais nos centros de saúde e nos PACs como xeito de que a calidade e o tempo de atención as persoas mellore considerablemente, ademais de descolapsalos e evitar moitas veces que as urxencias hospitalarias se vexan desbordadas por unha atención primaria deficiente.


A nosa comarca non escapa do desmantelamento do servizo de Sanidade público e vese de xeito claro cando, nos concellos máis rurais, dispoñemos de pediatra un só día á semana, como ocorre en Rodeiro, Agolada e Dozón, mentres nas Cruces e Silleda o comparten un día á semana, tendo os pais que desprazarse dun concello a outro dependendo do día que a crianza precise a atención. Por outra banda en Lalín é preciso aumentar ese servizo polas tardes para favorecer a atención pero tamén a conciliación das familias, que moitas veces rematan no CHUS por non dispoñer de pediatría durante as tardes.


No caso de Lalín levamos agardando anos fóra de prazo que remate a construción do novo CIS, que non chegará nin para que o PP venda a foto en campaña como acostuma. A preocupación será que, a parte das instalacións novas, que precisamos porque se deixaron abandonadas as do centro de saúde actual, necesitamos persoal, medios e recuperar especialidades que atenda as necesidades dos veciños e veciñas con dignidade. Non sirve de nada cambiar de situación se o servizo sigue mermado e insuficiente. Así mesmo, en Lalín e na comarca, levamos loitando moito por un servizo de ambulancia medicalizada que precisamos con urxencia e que é, en moitos casos a diferencia entre vivir e morrer ou entre unhas secuelas ou outras en doenzas onde o tempo de resposta determine o resultado. Ese servizo foinos negado a toda a comarca sistemáticamente no parlamento galego, a pesares das recollidas de firmas que chegaron a ser de máis de 8.000, entrevendo que a poboación está comprometida con esta causa e mostra o seu apoio.


Publicidade

Nesta comarca o abandono da Sanidade pública faise patente a diario, tanto nos servizos, que hai que ampliar e mellorar con urxencia, coma nas instalacións. Un exemplo claro é o centro de saúde de Agolada, que se atopa nun estado de deterioro imparable pola falla de investimento nel durante anos. Precisa de vestiarios, duchas e mobiliario novo con urxencia.


Dende o BNG propoñemos un Plan Urxente para racionalizar as listas de agarda hospitalarias, poñendo de novo a funcionar a pleno rendemento os centros sanitarios públicos, a reapertura das camas hospitalarias clausuradas mentres os corredores están ateigados de padiolas e cadeiras de rodas durante días, a recuperación dos servizos pechados dos Hospitais Comarcais que evite a sobrecarga dos hospitais de referencia, así coma modificar a Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias que favorece a derivación de pacientes ao sistema privado.


Publicidade

Fronte ao modelo de desmantelamento a privatización do PP, que nos deixa completamente espidos e desprotexidos ante calquera problema de saúde, por pequeno que sexa, temos a outra opción, a opción dun sistema sanitario forte, con investimentos, público e que garanta que todas e todos estamos a salvo na enfermidade, que estamos nas mellores mans.


Dende o BNG queremos, propoñemos e, por suposto, levaremos a cabo estes cambios para que en Galiza ninguén quede fóra nin desatendido, para que a saindade sexa pública e de calidade".


Ariadna Fernández González

Candidata ao Parlamento Galego


0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page