top of page

'Ora aperta, amor' é o segundo single en portugués da artista arzuá MJ Pérez

A cantautora volta as súas orixes lusas e presenta un novo single neste idioma en colaboración co grupo CRUA (Porto) e producido por Peter Petrowski


Laura Moure/Arzúa

A artista arzuá MJ Pérez volve ás súas raíces lusas, non o facía dende Vai Embora!, o seu primeiro tema propio en portugués e agora faino de novo co motivo de lembrar e homenaxear aos seus avós. MJ Pérez é de ascendencia portuguesa por parte de nai, é por isto que a súa conexión co mundo luso é moi forte.


Para esta ocasión xuntan forzas MJ Pérez e CRUA, un grupo orixinal do Porto formado por seis mulleres que unen as súas voces e percusións coa mirada posta na música tradicional portuguesa. Esta era a unión perfecta, pois esta canción Ora aperta, amor non ten sentido sen a comunidade, trátase dunha peza tradicional do folclore portugués que MJ Pérez leva consigo dende ben cativa e que, tras a perda dos seus avós (e con eles parte das súas raíces), logo dun longo proceso de traballo versionou desta maneira, xunto co talento de Peter Petrowski, recoñecido beatmaker galego que soubo ver e plasmar a idea deste proxecto.


E así nace algo que parte dunha vontade persoal de MJ pero que rapidamente se transforma en algo común que crea lazos e traspasa as fronteiras, pois alén da idea de lembrar e homenaxear ás raíces, está a meta constante de tecer esa ponte entre Galiza e Portugal. Ano e medio de traballo, de pensar e de deixar que a vida sorprenda facendo que se cruzasen no camiño MJ e CRUA. Ao final, o que dá verdadeiro sentido a este camiño son este tipo de detalles, nos que a música cobra outra dimensión e se convirte nunha ferramenta de unión.


Unha canción na que o cavaquinho, o acordeón e os adufes e percusións son os elementos esenciais que, xunto coas voces de CRUA e MJ Pérez, sumado ao bo facer de Peter Petrowski, derivan nesta combinación, na que a tradición portuguesa se une aos tempos presentes a través da electrónica pero sen perder en ningún momento a esencia.

Participaron tamén nesta canción Fran Barcia Trashorras no acordeón e João Ferreira Martins no Cavaquinho. CRUA, alén das voces, sumaron os seus adufes e percusións.

Todo isto sae a luz acompañado visualmente dun videoclip feito integramente por MJ Pérez, no que combina un gran collage de lembranzas coa técnica de lyric video e tanto nel, coma na portada do single, fai unha referencia ao coñecido como “Lenço dos namorados” un elemento típico do norte de Portugal.


MJ Pérez e CRUA estarán actuando ao vivo na Sala Rebullón (Mos) o 21 de abril, onde cantarán esta canción por primeira vez xuntas ao vivo.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page