top of page

O XVIII Festival de Teatro Escolar de Palas de Rei celebrarase o vindeiro sábado, 18 de abril

Participarán nesta xornada cultural máis de cen actores e actrices de tres Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Palas de Rei, Touro e Teo)


Laura Moure/Palas de Rei

Palas de Rei acolleu hoxe, luns, a presentación do XVIII Festival de Teatro Escolar de Palas de Rei que se celebrará o sábado, 18 de abril, na aldea de Santiago de Albá e na Casa de Cultura de Palas de Rei. Este evento está organizado polo Concello palense, polo obradoiro municipal de teatro de Palas de Reim pola Asociación Cultural Palacio do Rei, pola Asociación Cultural de Santiago de Albá O Parzamique, por Arqueixal, pola Coral Polifónica de Palas, por Metátese Teatro e por Alentía Teatro.

Na presentación participaron o Alcalde desta vila, Pablo Taboada Camoira; Javier Gómez Vázquez; presidente da Asociación Cultural Palacio do Rei; María José Mourenza García, Ana García Negro, Óscar Varela Casal e Afonso García Penas en representación de Metátese Teatro e Alentía Teatro.


Participarán nesta xornada cultural máis de cen actores e actrices de tres Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Palas de Rei, Touro e Teo). O programa deste Festival é o seguinte:

  • Haberá un roteiro teatral, musical e poético ás 16:00 horas na aldea de Santiago de Albá, que estará protagonizado por alumnado, familias e profesorado do Obradoiro Municipal de Teatro de Palas e pola Asociación Cultural Palacio do Rei, A Coral Polifónica de Palas, a Asociación Cultural de Santiago de Albá “O Parzamique”, Metátese Teatro e Alentía Teatro. Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta en valor, a transmisión do tecido cultural das xeracións que nos precederon, a posta en práctica dunha educación inclusiva e adapatada á diversidade do alumnado. O punto de partida será a IGREXA de Santiago de Albá e percorrerá diversos carreiros e espazos da aldea.

  • Ás 19:00 horas, na Casa de Cultura de Palas, O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, a Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Teatro e A Aula de Teatro do IES de Cacheiras porán en escena o espectáculo MODO AVIÓN. Unha viaxe cómica, sensíbel e hiperrealista pola vida diaria da infancia, da adolescencia e persoas adultas atrapadas entre o ritmo acelerado do mundo actual, a tecnoloxía e as esixencias do perfeccionismo.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Cada escena constrúe un pequeno universo teatral onde se mesturan o humor, a retranca e a reflexión: dende o bulicio das redes sociais e os “trends” imposibles, ata situacións cotiás cheas de fantasía, conflitos interpersoais, aventuras inesperadas e pequenas grandes loitas por atopar o propio lugar no mundo. Entre bailes, xogos, música, personaxes sorprendentes e momentos de emoción compartida, os protagonistas descobren que a vida é cambiante e imprevisible, que as prioridades poden transformarse en calquera instante e que, ás veces, o máis importante é saber parar, respirar e mirar arredor. Activar o modo avión convértese así nun xesto simbólico: desconectar do ruído, escoitarse a un mesmo, rir dos erros e aceptar que a imperfección tamén forma parte da aprendizaxe. Un espectáculo dinámico, coral e profundamente humano, que combina teatro, expresión corporal e linguaxe musical para celebrar a creatividade, a cooperación e a capacidade de superación do alumnado. Unha proposta 3 escénica que convida ao público a reflexionar, emocionarse e compartir unha experiencia colectiva chea de enerxía, ilusión e esperanza.


Este Festival permite que o alumnado das tres Aulas de teatro interactúe e propicia que amose conxuntamente o traballo realizado durante o curso teatral que se desenvolve ao longo do curso académico 2025/26 nas tres localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 4 de febreiro no Teatro Principal de Ourense, continuou en Touro o 28 de febreiro e seguirá en Nîmes, Pisa, Boloña e Teo.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O teatro escolar constitúe, ademais, unha ferramenta pedagóxica de primeiro orde: favorece a expresión oral e corporal, a escoita activa, o traballo cooperativo e o pensamento crítico; converte o erro en oportunidade de aprendizaxe e promove a educación emocional. A través da creación escénica, o alumnado desenvolve competencias comunicativas e sociais que transcenden a aula, reforza a autoestima e aprende a habitar a diversidade como riqueza.


Neste Festival, a inclusión non é un lema senón unha práctica: persoas con diferentes capacidades participan en igualdade de condicións, adaptando linguaxes, ritmos e espazos para que todas as voces conten e sexan escoitadas. O resultado é unha comunidade educativa máis cohesionada e aberta ao mundo.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page