top of page

O XV Festival de Teatro Escolar de Palas de Rei celebrarase o 25 de marzo

Participarán nesta xornada cultural máis de 100 actores e actrices da aula de teatro deste municipio e das de Touro, Compostela e Teo


Laura Moure/Palas de Rei/Touro

Palas de Rei acolleu hoxe a presentación do XV Festival de Teatro Escolar de Palas de Rei que se celebrará o sábado, 25 de marzo, na aldea de San Xiao do Camiño e na Casa de Cultura da localidade. Este evento está organizado polo Concello palense, o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, pola Asociación Cultural Palacio do Rei, pola Coral Polifónica do municipio, por Metátese Teatro e por Alentía Teatro.


Na presentación participaron o alcalde deste concello, Pablo Taboada Camoira; os representantes da Coral Polifónica de Palas de Rei, Toño Expósito González, Eliseo González Garrido e representantes de Metátese Teatro e Alentía Teatro Xema Buján Mosteiro, María José Mourenza e Afonso García Penas.

Participarán nesta xornada cultural máis de 100 actores e actrices de catro Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Palas de Rei, Compostela, Touro e Teo).


O programa deste Festival é o seguinte:

Haberá un roteiro teatral, musical e poético ás 16:00 horas na aldea de San Xiao do Camiño, que estará protagonizado por alumnado do OBRADOIRO MUNICIPAL DE TEATRO e polas Asociacións Culturais PALACIO DO REI e a A CORAL POLIFÓNICA DE PALAS DE REI. Este roteiro consta de sete escenas que permiten imaxinar a vida que existía nas aldeas galegas a mediados do século XX e permite coñecer o funcionamento destas asociacións a través da interpretación de varias pezas musicais.


Este roteiro combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta en valor, a transmisión do tecido cultural das xeracións que nos precederon. O punto de partida será a igrexa de San Xiao do Camiño e transcorrerá ao longo do Camiño Francés de Santiago.

Ás 18:30 horas, na Casa de Cultura de Palas, O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, A Aula de Teatro do IES de Cacheiras de Teo, A Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Touro e A Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas porán en escena o espectáculo As maletas dos contos viaxeiros.


Esta función presenta, desde unha perspectiva dinámica, cómica e pedagóxica, diversas historias que invitan á reflexión sobre valores como a igualdade, a cultura da paz, o respecto ao medioambiente, a solidariedade, a integración… Trátase dun espectáculo que se vertebra sobre un concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser humano a través de valores como o diálogo, a tolerancia, a

humildade, o respecto…


Este traballo amosa, tamén, o valor da lectura como elemento esencial na formación de seres humanos libres e pon de manifesto a relevancia da empatía con aqueles que sofren. Sobre o escenario uns personaxes disparatados protagonizarán historias que foron relatadas polas nosas avoas e que propiciarán que o público transite por unha fervenza de emocións.

Este Festival permite que o alumnado das catro aulas de teatro interactúe e propicia que amose conxuntamente o traballo realizado por alumnado, profesorado e asociacións destes concellos durante o curso académico 2022/23; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 2 de marzo no Teatro Principal de Ourense, continuou en Touro o sábado 4 de marzo e seguirá en Compostela, Cacheiras, Alcalá de Henares, Argamasilla de Alba, San Clemente, Tabernas (Almería) e Granada.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page