A candidata á Alcaldía de Lalín, Alba Forno, presentou onte medidas en termos de
igualdade durante o acto organizado por este partido para conmemorar o 8M
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE levará ao Parlamento a sanidade do Deza da man do deputado
socialista Julio Torrado. Na Proposición non de lei expón que a atención sanitaria no
concello de Lalín, que como cabeceira de comarca afecta a todo o Deza, ven sendo
obxecto de debate dende hai anos por mor das eivas que o SERGAS non resolve de
maneira efectiva no que corresponde á mellora dos recursos existentes. Así mesmo,
indica que son moi poucas as ocasións en que se cobren as ausencias de profesionais, o
que provoca que a realidade asistencial sexa sempre alterada e os cupos e ratios sexan
máis elevados dos que formalmente se recollen. Por iso, solicita que se garanta a
cobertura das prazas de profesionais sanitarios no Centro de Atención Primaria de Lalín
para que tanto o centro de saúde como o PAC poidan estar dimensionados
axeitadamente en termos de persoa.
Por outra banda, o entón presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo,
comprometeu en sesión parlamentaria unha dotación dunha nova ambulancia para Lalín,
pero a día de hoxe segue sen ser unha realidade. Por iso esixe que se dote de maneira
extraordinaria e inmediata dunha nova ambulancia de soporte vital básico a Lalín para a
cobertura da comarca de Deza, que de servizo as 24 horas e todos os días ata a
convocatoria do novo concurso e que se inclúa na convocatoria no novo concurso de
ambulancias en 2023, unha ambulancia medicalizada 24 horas para a comarca de Deza
con base en Lalín, e non unha ambulancia sanitarizada, como indicou o alcalde no pleno
de xaneiro
Ademais, ante a nova coñecida este luns do retraso da chegada dun novo pediatra para Lalín, Torrado tamén preguntará na sesión a que se debe e por que deixa colgado, unha vez máis, o centro de saúde de Lalín. A candidata socialista de Lalín á Alcaldía, Alba Forno, pregúntalle a Crespo onde está a súa gran xestión nesta materia e “por que os nosos fillos e fillas terán que seguir vendo mermados os seus dereitos a un pediatra”, cuestiona e engade ironizando “teremos que controlar e impedir que enfermen para non ter que ir moito ao Centro de Saúde xa que non terán o seu médico especialista. Non é de recibo como maltratan a sanidade de Lalín”.
Obras Xosé Cuiña
O grupo socialista de Lalín pídelle a Paz Pérez que "en lugar de dedicarse a responder a
oposición se reúna coas persoas afectadas" polas obras da Avenida Xosé Cuiña. “Esas
persoas son as que merecen unha resposta e que atendan as súas demandas”, reprochan. Ademais, a solución que indican, “que é unha saída inventada no último momento”, non contempla as sensibilidades da veciñanza afectada. “As súas reformas de proxectos non valoran outras opinións que as súas e logo causan problemas a cidadanía”.
Ante a solución que indican, o grupo socialista pregúntalle ao Goberno quen pagará a
modificación da obra e tamén se incrementará o custo da mesma. “As persoas afectadas
xa reclamaron no seu momento, polo que deberían telo contemplado no proxecto e non
que agora teñan que pagar máis os veciños/as pola súa falta de miras”.
Conmemoración do 8M
O PSdeG-PSOE de Lalín conmemorou onte o Día Internacional da Muller, que se
celebra hoxe, o 8 de marzo, cun acto na sede para falar de Igualdade e dos proxectos que
presentarán para ás eleccións do 28 de maio. O acto abriuno a concelleira socialista
María Iglesias, quen ofreceu uns datos curiosos sobre temas nos que aínda fai falla
traballar para acadar unha igualdade real. Entre eles, falou da xornada laboral, na que un
20 % das mulleres pide unha redución da xornada laboral para o coidado de menores. Un
48 % das mulleres interrompe a súa vía da laboral de 6 meses a 5 anos para este labores,
mentres que tan só un 9,7% dos homes fai esta petición.
Así mesmo, destacou que actualmente a única candidata á Alcaldía en Lalín é a socialista
Alba Forno. “É certo que cada vez hai máis mulleres dando pasos á fronte na política,
pero segue a ser unha decisión difícil, máis no caso das mulleres. Dende o PSOE
estamos convencidos de que é unha gran muller e que traballará arreo para brindar un
Lalín para a Xente e para as Mulleres”, indicou. Forno recolleu a palabra e lembrou que
“poñerme á fronte do partido foi unha decisión moi meditada e pensada, por moitos
motivos, entre eles estar á altura do PSOE e, por suposto, de toda a veciñanza.
Compatibilizar a vida laboral coa familiar é complexo, máis sendo muller, e asumir este
cargo leva a terlle que dedicar tempo”.
En materia de Igualdade, o PP de Lalín non lanzou máis proxectos dos que xa estaban de
vello. “Poderíamos falar do Plan de Conciliación Familiar, que foi lanzado polo noso
compañeiro Nicolás González Casares, ou do Cocido do Orgullo, proxecto de Celia
Alonso, que mostran que os traballos que coñecemos veñen dende o PSOE”, expuxo e
engadiu “eu teño claro que a igualade vai ser a miña liña de traballo transversal en todos
os eidos e que implicará a moitas áreas que conforman o Concello”.
Unha das propostas que lanzou foi que dende o Consello da Muller, creado por este
Goberno pero do que non se coñece traballo ningún, se elabore un Plan Municipal da
Muller, que recollería un estudo de igualdade na nosa vila e a través do cal se lanzarían
diferentes iniciativas como proxectos de educación escolar en igualdade ou talleres para
homes, “que tamén teñen que formar parte desta loita e tomar conciencia”. Atraer o
proxecto Extramuros, que tivo lugar la aldea de Cortegada (Silleda), programas na Radio
Lalín sobre temas de igualdade, potenciar o Cocido do Orgullo ou lanzar máis concursos
neste sentido son outras das propostas que puxo enriba da mesa.
En termos de igualdade, tamén se acolle a Escola Infantil Municipal, que recentemente
volveu a propoñer o PSOE de Lalín ou potenciar a Conciliación Familiar con máis
espazos. “Actualmente, moitas familias teñen problemas nos períodos de vacacións e non
todo o mundo ten avoas ou familiares para coidar aos fillos/as. O mesmo sucede coas
persoas dependentes, en quen recaen os seus coidados maioritariamente? En mulleres,
por iso é preciso ter un SAF que funcione a bo ritmo e con persoal para atender toda a
demanda”, recalcou Forno.
Para finalizar o acto, déuselle a palabra ás persoas asistentes e recalcouse que o 8M
segue sendo un día sinalado no calendario, polo que “é necesario seguir poñendo o foco
neste tema e por iso mañá (por hoxe) sairemos a rúa para manifestarnos por unha igualdade real e pola defensa dos dereitos das mulleres e en concreto das nosas veciñas”.
Comments