Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

O programa de democratización do coñecemento da USC para maiores de 50 anos chega a Silleda en abril

Versará sobre introdución á criminoloxía, o cambio climático e sobre o compositor de música clásica galega Marcial del Adalid y Gurrea


Laura Moure/Silleda

O programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago chegará a Silleda o vindeiro mes con tres seminarios dirixidos a poboación de máis de 50 anos. Dende a USC, e en concreto dende a Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Servizos e o Programa Universitario de Maiores, deseñouse un programa formativo que se levará a cabo no salón de actos da Casa da Cultura de Silleda.

Casa da Cultura de Silleda.

Para a realización, débese contar cun número mínimo de 15 persoas por ciclo. As que estén interesadas, ou queiran informarse sobre este programa, poden chamar a partir da vindeira semana ao Concello de Silleda, ao departamento de Cultura (chamando ao 986 580 000). As inscicións, totalmente gratuitas, tamén se realizarán neste mesmo departamento.


As tres sesións desenvolveranse cada una durante dúas xornadas, con sesións de hora e media en horario de tarde.

A primeira delas, prevista inicialmente para os días 15 e 16 de abril ten por título O Cambio climático ou o que podemos perder, no que se busca coñecer conceptos básicos sobre o clima, identificar as repercusións deste fenómeno no entorno máis próximo e valorar os cambios na biodiversidade da comarca.


Ademais deste ciclo da área científica do programa, tamén se oferta dentro da área artística un segundo seminario: Marcial del Adalid y Gurrea (1826-1881). Un capítulo único da nosa Historia de Galicia e da nosa Historia da Música Clásica Galega. Os seminarios da USC sobre música buscan indagar sobre o mundo artístico cultural. Neste caso presentarase a un dos compositores galegos máis salientables, pioneiro no seu tempo, sendo ademais o primeiro autor que usou melodías folclóricas tradicionais e populares autóctonas para compoñer repertorios clásicos. Este segundo ciclo está previsto para os días 19 e 20 de abril.


Por último, e dentro da área xurídica e humanística, a oferta formativa para Silleda inclúe un seminario sobre Introdución á Criminoloxía e política criminal, previsto para o 21 e 22 de abril. Cunha metodoloxía expositiva analizaranse contidos coma a contextualización da criminoloxía, escenario do delito, investigación policial…


Os tres seminarios contarán ademais cunha parte práctica. Dende a Concellería de Cultura, Mónica González, agradece á USC que a oferta formativa chegue ao municipio, convidando tamén á poboación maior de 50 anos a participar nas sesións, con interesantes propostas en distintas áreas que favorecen a achega de coñecementos á veciñanza de Silleda, fomentando a participación social.


O obxectivo principal deste programa da USC é favorecer a democratización do coñecemento, potenciando este entre a poboación maior de 50 anos con accións específicas para revalorizar e afondar sobre o valor do noso patrimonio, e concienciar sobre a presenza da ciencia nas nosas vidas, entre outros.

21 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE