Ecos da Comarca/Deza
Artigo da Asociación Bigotes Colonias de Gatos de Lalín
"Estes días vólvese falar no noso concello das leis de Protección Animal, en concreto da lei estatal 7/2023, de 28 de marzo, de protección de los derechos y el bienestar de los animales. Vólvese falar da situación do abandono animal, das mascotas...Pola parte que nos corresponde, a atención de gatos comunitarios ( gatos de colonias) de Lalín, nos gustaría participar algunhas matizacións ou aclaracións.
Levamos xa uns anos instaladas como asociación na vila de Lalín, e desde que comezamos intentamos facer ver que o noso é un obxectivo colectivo. Ir controlando o número de felinos comunitarios nas rúas de Lalín, mellorar as condicións de vida destes felinos, conseguir unha convivencia harmónica cos habitantes da nosa vila... só se pode conseguir coa participación de todas e todos: administración, asociacións e particulares que axudan aos animais e toda a cidadanía.
Este é o obxectivo das leis de protección animal, nas que en todas, a atención das colonias felinas aparece nun apartado propio, porque ten unas características especiais. Neste “apartado das leis” é que se ubica a acción da nosa asociación.
Sabemos que a responsabilidade da atención das colonias felinas recae directamente sobre os concellos, é unha cuestión municipal. É para axudar a que se poida cumplir o obxectivo COLECTIVO, que vimos traballando desde o inicio...coincidente xusto coa Lei de Protección Animal autonómica Lei 4/2017, de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.
Desde entón, a nosa labor non só se desenvolve na atención directa das colonias que xestionamos ( cuxo número se incrementa cada ano) senón que tamén hai detrás toda unha labor que podemos etiquetar de “burocrática” e que se relaciona directamente coas relación coa administración na procura de subvencións e medios, coas institucións na búsqueda de colaboracións para a divulgación, con empresas na procura de doazóns de diferentes naturezas, con profesionais do ámbito veterinario para conseguir formación e guía, con outras.
Asociacións Protectoras en campañas en común ou en intervencións específicas, cos distintos Centros Educativos en actividades divulgativas, co propio Concello de Lalín...Estamos moi agradecidas a moitas persoas que desde o minuto un creron no noso proxecto e que nunca deixaron de nos comprender, axuda e acompañar na nosa evolución desde o inicio ( desde cero) ata hoxe. Pensamos que despois destes anos instaladas en Lalín podemos ser capaces de facer unha “radiografía” bastante precisa do “estado da cuestión" animal no tocante aos gatos comunitarios e aos gatos abandonados en Lalín e mesmo na comarca.
Publicidade
Para nós tamén veñen aí novos retos que asumir. Novos traballos que facer dentro e desde a nosa asociación. Seguimos insistindo en que o obxectivo só se pode alcanzar entendéndoo como colectivo e contando coa colaboración activa de todos os axentes implicados. Para nós é fundamental a colaboración ciudadana. Observamos como cada vez máis os propietarios de gatos entenden e así o fan, que deben castrar os animais e deixar atrás esas prácticas irresponsables de morte ou abandono de camadas, publicacións reiteradas buscando “fogares responsables” para camadas que nacen debido a súa propia irresponsabilidade como propietarios... É frustrante comprobar como ás colonias que temos máis ou menos controladas chegan as camadas procedentes de gatos de particulares que non os teñen castrados.
No ámbito do control de colonias de gatos, no noso Concello hai un feito diferencial que o distingue de outros dos arredores como poidan ser Silleda, Cruces ou Agolada...e chámase Bigotes de Lalín. Si, a nosa presencia durante estes anos, a colaboración que mantivemos de maneira constante aínda que irregular coa Concellería correspondente, supuxo o inicio dun percorrido nesta materia que se traduce en que en Lalín, a posta en marcha de medidas en cumprimento das leis de protección animal no que respecta á atención de colonias felinas, non nos pille a cero e teñamos xa polo menos encamiñado o
proxecto...que non é pouco.
Moitas cousas quedan aínda por facer, que se poden ver materializadas para satisfacción de todos, se a colaboración e o diálogo continúan. Nós estamos sempre dispostas a traballar e colaborar, coma sempre fixemos, intentando traer medios económicos para Lalín (conseguimos subvencións tanto da Xunta coma da Dirección General de los Derechos de los Animales, por exemplo) aportando o noso esforzo individual e colectivo...porque acreditamos firmemente en que Lalín pode chegar a ser un exemplo de bo facer neste ámbito, así como o é noutros moitos.
Publicidade
Facemos unha vez máis un chamamento á colaboración ciudadana, apelamos á súa comprensión nos casos onde non deamos chegado, porque ao mellor o que se nos demanda non é da nosa competencia nin está nas nosas mans ou medios, ou porque non somos infalibles e cometemos tamén os nosos erros...o que si podemos garantir é que somos infatigables. Non imos deixar de mirar con esperanza hacia o noso obxectivo. E é esa, a mensaxe de esperanza a que queremos transmitir hoxe con esta declaración.
Así como toda a cidadanía, os distintos grupos políticos con representación en Lalín tamén son chamados a participar no noso proxecto. Sabemos que a responsabilidade en materia de protección animal é compartida, non afecta só á formación que goberne no momento. Ás personalidades públicas, como son os representantes dos distintos partidos, tamén lles pedimos participación e colaboración. Consideramos que non deben descoidar o feito de que poden ser un exemplo importante de toma de posición a este respecto, tanto na súa relación persoal coas mascotas coas que convivan coma nas súas manifestacións públicas ao respecto.
E, por último, a aqueles concelleiros que dentro da nosa comarca exercen a súa labor na concellería correspondente os e as animamos a que escoiten á cidadanía que está axudando sen medios de ningún tipo na maioría dos casos, que ao fin é a mellor aliada para poder levar a cabo unha boa labor na aplicación das leis que de entrada lles puidera parecer “inasumible”. Hai moito traballo por facer...ánimo!"
留言