top of page

"O PP segue dando tumbos en Rodeiro, como demostra que postule a Lugués para presidir a Deputación"

Afirma isto con rotundidade o candidato socialista á Alcaldía de Camba, José Luis Camiñas


Ecos da Comarca/Rodeiro

O candidato socialista á Alcaldía de Rodeiro, José Luis Camiñas, rexeita o último “show” do PP con este concello. Diante da publicación de hoxe, na que se afirma que Luis López, “o Lugués”, será postulado como presidente da Deputación, Camiñas apunta que non cabe maior improvisación. O sucedido, afirma, "vén demostrar que toda a lista do PP por Rodeiro era un simple recheo no que poden cargarse a todos dun plumazo sen que pase nada, o que demostra que o PP segue dando tumbos en Rodeiro".

Camiñas coa presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva nunha visita a Camba o pasado maio.

Camiñas recorda que para que López poida ser deputado provincial e presidente da Deputación debe ser, necesariamente, concelleiro. Isto implica que debe dimitir un dos cinco concelleiros/as electos/as e, a continuación, a totalidade da lista do sexto ata o penúltimo suplente. Isto, engade, sería tanto como recoñecer que o PP presentou "unha lista bluf e de xente prescindible. Ou sexa, que o PP carece de equipo e proxecto para Rodeiro. Unha auténtica tomadura de pelo".


O candidato socialista engade que de producirse esta insólita situación dun partido no que dimite a totalidade da lista, o PP quedaría sen repostos electos e, no caso dunha nova dimisión, tería que nomear como concelleiro ou concelleira, de acordo coa Lei Electoral, a unha persoa que non se presentou ás Eleccións, o que supón un evidente déficit democrático.


Unha xuntanza

Por outra banda, Camiñas afirma "que de confirmarse que “o Lugués” é investido como presidente da Deputación adianta que solicitará de inmediato unha xuntanza para abordar a “axenda de Rodeiro”, pois entende que "unha persoa que foi alcalde deste pobo debe comprometerse inmediatamente con Rodeiro para acabar cos graves déficits herdados da xestión do PP". Unha xestión, insiste Camiñas, "que vén de recibir un duro castigo nas urnas".

Camiñas adianta que reclamaralle a López, en caso de confirmarse que é o novo presidente, que estea á altura do legado que deixa Carmela Silva e manteña, como mínimo, o mesmo volume de investimento no pobo. “A min nin se me pasa pola cabeza que o PP se atreva a “cargarse” o Plan Concellos, porque se pretenden facer semellante cacicada e volver aos tempos de Louzán, repartindo a dedo a uns concellos si e a outros non, vanme ter en frente, tanto a min como a un bo feixe de alcaldes e portavoces municipais de toda a provincia”. “O PP levaba 8 anos dicindo en todos lados que estaban obsesionados con “recuperar” ou “reconquistar” a Deputación; moi ben, xa o fixeron; agora hai que ver para que”.


O candidato socialista recórdalle ao PP que "tódalas obras que se fixeron en Rodeiro nos últimos 8 anos pagounas a Deputación con financiamento regrado e obxectivo, nun alarde de transparencia e xestión apartidista dende a Administración provincial". “Resultaría absolutamente intolerable que agora deran un volantazo en dirección ao caciquismo cos fondos provinciais para castigar non ao PSOE, senón aos veciños e veciñas de Rodeiro; a xente é moi intelixente e tomaría nota de inmediato”.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page