O obxectivo do encontro foi escoitar as súas inquedanzas
Laura Moure/Vila de Cruces
Este venres o PP de Vila de Cruces tivo un encontro con todas as familias inmigrantes que residen neste municipio, para escoitar de preto as súas inquedanzas.
"Tivemos o privilexio de contar coa presenza do Director Xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, que se desprazou ata a Sede do Partido. Quen mellor ca el para conseguir que estas familias se sintan un colectivo máis do noso concello! Arturo comentou as diferentes accións e axudas que se levan a cabo desde a Xunta de Galicia para a integración colectiva, asegurando a continuidade destes apoios, destacando a importancia da inclusión para conseguir “a interacción das persoas coa sociedade cos mesmos dereitos e oportunidades”" , sinala o grupo popular.
O colectivo expuxo de maneira activa e individual as súas necesidades e problemáticas actuais, "entre as que destacan as dificultades co idioma, a non homologación de títulos formativos, as dificultades para atopar emprego ou a necesidade de adaptar os menús do comedor ás crenzas do alumnado inmigrante".
"Estamos inmensamente agradecidos a tódalas persoas que asistiron a esta reunión e, desde o Partido Popular, comprometémonos a seguir traballando para conseguir unha sociedade sen barreiras, deseñando novos servizos e programas adaptados á súa realidade, con plans de formación, información, sensibilización, asesoramento xurídico e legal, actividades socioculturais, etc., coa finalidade de facilitar a súa adaptación e lograr a plena integración social e laboral".
Así mesmo apunta que "trataremos de ofrecerlle a estas familias as competencias necesarias que favorezan o sentimento de permanencia en Vila de Cruces! Desexamos unha sociedade libre de barreiras, na que todos vivamos en pé de igualdade! E, entre todos e todas, podémolo conseguir!".
Comments