O Pino organiza dúas xornadas gratuítas para aprender a actuar ante situacións de emerxencia
A formación terá un enfoque práctico, con simulacións e exercicios sobre atragantamentos, reanimación cardiopulmonar e primeiros pasos de intervención
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino organiza dúas xornadas prácticas de primeiros auxilios co obxectivo de achegar á veciñanza coñecementos básicos para actuar ante unha emerxencia ata a chegada dos servizos sanitarios. A actividade será gratuíta e contará con prazas limitadas.

A primeira sesión terá lugar o sábado 31 de outubro no Pavillón de Reboredo. As persoas
interesadas poderán anotarse ata o venres 30 de outubro. A segunda desenvolverase o
sábado 14 de novembro na Casa do Maior de Lardeiros, con 25 prazas dispoñibles e prazo de inscrición ata o venres 13 de novembro. Ambas as xornadas terán unha duración de dúas horas, en horario de 10.00 a 12.00 horas. As inscricións poderán formalizarse presencialmente no Concello do Pino ou en liña a través da aplicación municipal de reservas.
PUBLICIDADE
Aprendizaxe mediante exercicios e simulacións
Os contidos centraranse na actuación ante atragantamentos, na reanimación cardiopulmonar (RCP) e no protocolo básico de resposta ante situacións de emerxencia.
Tamén se abordarán a identificación de riscos e os primeiros pasos de intervención
mentres se agarda pola asistencia sanitaria.
A metodoloxía será principalmente práctica e participativa. Mediante simulacións e
exercicios, as persoas asistentes poderán familiarizarse con técnicas básicas de primeiros
auxilios e practicar como responder ante situacións que poden producirse na vida cotiá.
PUBLICIDADE
Con esta iniciativa, o Concello do Pino busca promover hábitos de prevención, responsabilidade e colaboración, así como concienciar sobre a importancia de contar con
coñecementos de primeiros auxilios para prestar atención inmediata ás persoas en situación de risco.









Comentarios