O piloto palense Luis Vilariño buscará o triunfo no Rallye San Froilán
Chega coa moral alta tras gañar en Castropol e co obxectivo claro de pelexar pola vitoria na cita de casa
Laura Moure/Palas de Rei
Tras o excelente sabor de boca deixado polo triunfo cultivado a pasada fin de semana en Castropol https://www.ecosdacomarca.com/post/o-palense-luis-vilari%C3%B1o-e-david-m%C3%ADguez-asinan-unha-vitoria-incontestable-no-rallysprint-de-castropol, o Vilariño Team afronta unha das citas máis esperadas de toda a tempada: o Rallye San Froilán, que se disputará o 16 e 17 de outubro.

Luis Vilariño e David Míguez volverán formar dupla no Skoda Fabia R5 Evo coa ambición de medir as forzas do equipo fronte ás mellores espadas do certame autonómico e loitar polo triunfo absoluto. A carreira lucense ten un significado moi especial para a estrutura. Tras rozar os postos de honra na edición de 2025 ao quedar ás portas do podio, o piloto de Palas de Rei busca quitarse esa espiña ante a súa afección.
PUBLICIDADE
A recente vitoria no Rallysprint de Castropol non só permitiu recuperar o ritmo de competición tras o parón estival, senón tamén deixar atrás os dous abandonos sufridos antes do verán e referendar as grandes sensacións do inicio do ano, no que o equipo encadeou tres podios consecutivos nas tres primeiras citas do campionato.
PUBLICIDADE
“Chegamos ao San Froilán no mellor momento posible. A vitoria en Castropol veunos fantástica para recuperar sensacións, afinar o Skoda Fabia R5 Evo e quitarnos o mal sabor de boca que nos deixaron as últimas probas do campionato. O inicio de ano demostrou que temos ritmo para estar arriba, con eses tres podios consecutivos, e queremos volver a esa senda. Correr en casa sempre dá un plus de motivación. O ano pasado quedamos moi preto do podio e esta vez queremos dar un paso máis: sairemos a por todas desde o primeiro tramo para intentar loitar pola vitoria ante a nosa afección e brindar un gran resultado aos nosos patrocinadores", resalta Luis Vilariño.









Comentarios