E pon enriba da mesa medidas para potenciar o agro
Ecos da Comarca/Touro
O Movemento Veciñal Touro impulsará un centro de transformación de produtos agrarios e pon enriba da mesa medidas para potenciar o agro. "A reestruturación da propiedade, a creación dun centro de transformación de produtos agrarios municipal e o impulso de mercados agrarios, que faciliten a venda de produtos de proximidade, serán as nosas principais liñas de traballo", recalca.
Sinala que a transformación de xeito individualizado por cada produtor resulta moitas veces inviable economicamente, pero ante iso explica que "poñeremos en marcha un centro de transformación para produtos agrarios mediante o acondicionamento dun local municipal, que ao tempo tamén posibilitará unha canle de comercialización". "Aquí calquera produtor do noso concello disporá dunhas instalacións para transformar, envasar, elaborar, facer procesos de conservación, etc. dos seus produtos agrarios; tamén para aquel que queira emprender, experimentar ou innovar con produtos e procesos; ou para autoconsumo. Os usuarios disporán dun Rexistro Sanitario Industrial que lles permitirá comercializar os seus produtos".
Ademais, subliña que este tipo de instalacións teñen moita implantación en moitas áreas rurais de Europa (En Francia (Projet Piloté), Bélxica…). "As instalacións servirán tamén como un centro de formación".
Por outra banda, apunta que "levaremos a cabo os trámites precisos para que Touro forme parte da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia".
Impulso e ordenación agraria
Así mesmo, recrimina que "o Concello elaborou un plan urbanístico (PXOM) sentados dende un despacho e fóra da realidade. O resultado é que terreos tradicionalmente de uso forestal pasaron a agropecuarios, ou que terreos a carón das casas pasaron a forestais entrando en contradición ca lei de incendios . O mundo ao revés. Como consecuencia, centos de hectáreas por todo o concello (moitas veciñas/os) están apercibidas de multas porque o uso actual non é conforme ao PXOM (á Lei). Estes problemas derivados dun PXOM mal feito, agora págaos a veciñanza".
Ante isto, sinala que a solución pasará por facer unha revisión do PXOM, de xeito que se conxugue a potencialidade e vocación do terreo ca protección do medio. "Daremos resposta ás necesidades do agro e traballaremos no desenvolvemento das potencialidades agrarias". Entre estas sinala:
Dende os ámbitos onde o Concello ten competencias propias, como a habilitación de camiños e pistas naquelas zonas onde non hai concentración parcelaria, ou a revisión do PXOM.
Reclamando os compromisos das outras administracións. "Non podemos permitir que a concentración parcelaria en Fao e Novefontes se eternice anos e anos e se converta nun proceso cheo de erros e remendos como o caso de Loxo. Impulsaremos a reorganización da propiedade nas parroquias onde aínda non hai concentración parcelaria no monte".
Comments