Inclúe un escenario ‘Sonemerxente’ para os 10 artistas e grupos da aceleradora de proxectos musicais da Xunta e Paideia
Laura Moure/Boimorto
O Festival de la Luz de Boimorto comprométese co fomento do talento musical galego incluíndo no seu cartel deste ano os 10 artistas e grupos emerxentes da aceleradora de proxectos musicais que a Xunta de Galicia está a desenvolver en colaboración coa Fundación Paideia Galiza. O evento de Boimorto contará cun escenario Sonemerxente, que toma o seu nome do da devandita iniciativa, polo que o sábado 26 pasarán Paraíso Canto, Samudra Trío, Zeltia Irevire, De Ninghures, Adrian Timms e Hydn, mentres que o domingo 27 será a quenda de Ani Baires, Helena Egea, Law e Mondra.
Todos eles incorpóranse así á programación do encontro que na última fin de semana de agosto reunirá máis dunha trintena de coñecidos nomes do panorama estatal e galego, con Reincidentes, Viva Suecia e Rayden como cabezas de cartel.
Ademais desta colaboración, o Festival de la Luz volve contar co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da convocatoria anual de subvencións para festivais de música e de artes escénicas, que en 2023 distribúe a súa dotación de 575.000 euros entre 26 eventos de toda Galicia. O evento súmase deste xeito á axenda global de máis de 2500 actividades culturais que a Xunta impulsa este verán baixo o lema A cultura en Galicia é un CulturON.
Publicidade
Impulso do talento
O conxunto de participantes na primeira edición de Sonemerxente está a vivir unha experiencia de impulso e dinamización estruturada en dúas etapas. A primeira delas centrouse en sesións individuais e colectivas de mentorización arredor de asuntos capitais na industria musical como a produción, a promoción ou o modelo de negocio. A segunda, na que se sitúan os seus concertos no Festival de la Luz, dedícase á participación dos artistas en circuítos, festivais, encontros con medios ou a asistencia a mercados profesionais, tanto dentro como fóra de Galicia. Para darlle continuidade a esta aceleradora musical, a Xunta iniciou a semana pasada o proceso de selección da entidade colaboradora para a xestión da que será a segunda edición da iniciativa, na que participarán ata un máximo de 12 novas formacións.
Publicidade
O Festival de la Luz ofrece unha experiencia musical, cultural e festiva para todos os públicos que, ademais, pon en valor o rural galego. A edición de 2023 arrancará o venres 25 cos concertos que ofrecerán Reincidentes, Brothers in Band, Niña Polaca, Locomía, Lady Banana e Voltereta. Ao día seguinte, chegará a quenda de Viva Suecia, Luar na Lubre, El Langui, Ladilla Rusa, Ramoncín, Roi Méndez ou Samesugas, ademais dos primeiros concertos do escenario Sonemerxente.
O domingo encargaranse de pechar o festival nomes como Rayden, Heredeiros da Crus, Vicco, Los Motores, La Plazuela, Paula Cendejas ou Maren. Haberá tamén lugar para outras disciplinas artísticas como o teatro ou o circo, así como actuacións infantís, unha zona gastronómica, un espazo de mercado, artesanía e iniciativas locais, e unha carreira popular, entre outras actividades.
A venda de entradas continúa operativa na web www.festivaldelaluz.es.
Comments