top of page

O entroido chama á porta, pero este ano será a través das pantallas

Actualizado: 12 feb 2021

Varios Concellos das catro comarcas organizan unha programación virtual

Laura Moure

O entroido xa está aquí, pero este ano a orixinalidade e a creatividade non poderán lucir libremente. A pandemia tamén impide que se celebre por todo alto esta celebración cargada de tradición. Este ano toca ser responsables, pero varios dos Concellos das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa organizan actividades virtuais para animar estas datas. Os Concellos de Arzúa, Touro, Lalín, Silleda e Melide xa deron a coñecer a súas iniciativas.


O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza unha programación de distintas actividades virtuais.

__ Hoxe, venres, terá lugar a proxección do documental Entroidar ás 12:30 horas. Esta actividade está dirixida ao alumnado de Secundaria do municipio.

__ Tamén hoxe toca Radio Entroido a través de Radio Arzúa. Será pola tarde en horario de 16:00 a 19:00 horas con Cañotas e Zas a través do 107. 4 da FM ou da dirección facebook.com/culturaconcelloarzúa

__ O domingo haberá unha sesión de contacontos: Contos entroideiros para comer orellas a cargo de A Trastenda dos Contos. Será ás 18:00 horas a través da dirección facebook.com/culturaconcelloarzúa

__ Por último, o martes 16 habrá demostración de regueifa. Farase un repaso da actualidade con moito humor e retranca a cargo de Lupe Blanco e Josinho da Teixeira da Asociación Oral de Galicia. Será tamén ás seis da tarde a través de facebook.com/culturaconcelloarzúa

Mentres o Concello de Touro levará a cabo un concurso de entroido virtual. Os interesados poden participar enviando unha fotografía disfrazados a cultura@concellodetouro.gal Admiten imaxes onde non se vexa a cara do cativo ou nas que estea pinxelada e publicaranse no Facebook do Concello. As tres instantáneas que máis me gustas reciban levarán un agasallo. Este concurso tamén convida á creación e deseño de máscaras ou antefaces cuxa foto deberán mandar tamén ao correo citado en liñas máis arriba. O prazo está aberto ata o 17 de febreiro.


Pola súa banda, o Concello de Melide, a través da Concellaría de Cultura e Turismo, convoca o concurso de disfraces Entroido virtual 2021, co obxecto de incentivar a participación cidadá que terá lugar nas redes sociais deste concello o luns 15 e o martes 16 de febreiro, enmarcado na programación cultural do Entroido 2021. Poderán participar todas aquelas persoas que envíen unha foto ou vídeo (cunha duración máxima de 20 segundos) ao enderezo de correo electrónico cultura@concellodemelide.gal onde figure os datos persoais de cada participante, a fotocopia do DNI, o nome e a descrición do disfrace, a categoría a que optan e un número de teléfono de contacto. O prazo de presentación será desde o 1 ata o día 14 de febreiro ás 23:59 horas.

__As categorías serán as seguintes: 1º) Infantil (de 0 a 12 anos) : individual e grupal (persoas convivintes); 2º) Xuvenil (de 13 a 18 anos): individual e grupal (persoas convivintes) e 3º) Familiar: persoas convivintes. Para as distintas categorías terase en conta que unha mesma persoa non poderá participar nas diferentes modalidades (individual e grupal).

__ Serán seis premios para as distintas modalidades en diferentes comercios da zona. Na categoría de infantil: vales regalo en libros e xoguetes; na de xuvenil: vales regalo en roupa deportiva e material informático e na familiar: vales en xantares.


A totalidade das fotos e vídeos achegados subiranse as redes do Concello e permanecerán publicadas o luns 15 e martes 16 de febreiro ata as 23:59 horas para que poidan ser votados e gañará en cada categoría e modalidade quen teña máis me gustas. Os gañadores daranse a coñecer o mércores 17 de febreiro.

Na comarca dezana o Concello de Lalín tamén convoca o primeiro concurso virtual de disfraces de Entroido. Pode participar quen o desexe, ben a título individual ou en grupos de convivientes. Además, os menores deberán contar coa autorización dos pais ou do tutor legal. A temática dos disfraces será libre e as inscricións deben facerse a través dun formulario online que está dispoñible no perfil de Facebook do Concello de Lalín. O prazo para anotarse finaliza o martes 16 ás 15.00 horas. Cada participante só poderá facelo nunha única categoría. Unha vez recibidas as fotos dos disfraces, estas publicaranse no Facebook do Concello onde se poderán votar a través dos me gustas. O prazo para poder votar acaba a las 23:55 horas do venres 18 de febreiro.


__Haberá os seguintes premios: vale de compra de 150 euros en individual adulto, tres premios de 50 euros en vales de compra en individual infantil (ata 13 anos) e dous galardóns de 100 euros en vales de compra para a categoría de familia-grupo convivinte. Ademais, concederanse outros dous premios máis elixidos por votación entre as fotos dos disfraces subidas ao Facebook do Concello: un vale de compra por 100 euros para o disfraz de familia-grupo convivinte máis votado (a partir de dúas persoas) e outro de 50 euros ao disfraz individual máis votado polos que interactúen a través da rede social. A todos os agraciados se lles entregará uns vales que deberán consumir no comercio local no prazo non superior a tres meses.


Por outra banda, o domingo 14 terá lugar a actuación dun Contacontos Entrodeiro. Está dirixida aos nenos a partir dos cinco anos e será retransmitida a través da canle de YouTube do Concello de Lalín. Empezará ás 18.00 horas.

Por último, en Silleda hoxe venres día 12, ás 12:00 horas, terá lugar o Alto Infantil dos Xenerais no CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira, protagonizado polo alumnado deste centro. O Concello de Silleda, a través da Concellaría de Cultura, volve colaborar un ano máis con esta iniciativa, que se emitirá despois nas redes sociais e na canle de YouTube do Concello, agradecendo a colaboración do centro con esta tradición cultural que no ano 2013 se declarou de Interese Turístico Galego. Ademais, dende o Concello de Silleda irán compartindo nos vindeiros días vídeos de pasadas edicións das celebracións de Lamela, Silleda e da Bandeira.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page