O Concello e a Banda de Antas de Ulla asinan un acordo para levar a súa música ás parroquias
O Goberno local financiará un pasarrúas de mañá, a actuación na misa e procesión e un concerto de mediodía en cada unha das festas con romaría
Laura Moure/Antas de Ulla
O Concello e a Banda de Música de Antas de Ulla asinan un acordo de colaboración
para levar as súas actuacións ás festas parroquiais. O goberno local comprométese a
financiar os concertos que dará a formación musical que xa suma máis de 125 anos de
historia.

O alcalde de Antas de Ulla, Javier Varela, e a presidenta da Escola Banda de Música de
Antas de Ulla, Candela Maceda, mantiveron unha reunión de traballo na que
acordaron que todas aquelas festas que teñan romaría poden ter actuación da banda,
sempre que o soliciten.
O Concello de Antas de Ulla será o encargado de sufragar as actuacións, de maneira
que estas no terán custo para as comisións de festas. En base a este acordo a Banda de Música de Antas de Ulla ofrecerá un pasarrúas de mañá, tocará na misa ou procesión e fará un concerto de mediodía naquelas romarías que sexan os festivos ou as fins de semana.
Tanto o rexedor de Antas de Ulla como a presidenta da Escola Banda de Música de
Antas de Ulla remarcan a importancia deste acordo que se pon en marcha este mesmo
verán e que permitirá que todos os veciños e veciñas gocen da música da banda do
pobo. “Permitirá achegar a súa música a máis xente e animar a aquelas persoas que
desexen sumarse á formación”, destaca Javier Varela.








Comentarios