O Concello de Touro repartirá 2.000 euros en premios no seu concurso de disfraces o 14 de febreiro
- Laura Moure

- hace 5 horas
- 2 Min. de lectura
O día 13 celebrarase o Ulla Fest: Tempos de Entroido, con artistas como Kike Varela
Laura Moure/Touro
O concello de Touro xa quenta motores para o Entroido 2026 cunha programación chea de tradición, festa e novidades que se estenderá do 8 ao 17 de febreiro en Bama, Fonte Díaz e Fao.

Os festexos comezarán o domingo 8 de febreiro en Bama, coa saída da Parranda ás 10:30 horas e dos Xenerais ás 12:00. Pola tarde, a partir das 16:30 horas, haberá actuacións da Parranda, os Xenerais, a Vellada e o Frade no campo da festa, ademais dun gran concurso de disfraces con importantes premios e o sorteo dunha gran cesta.
A programación continuará o venres 13 de febreiro co Ulla Fest: Tempos de Entroido, organizado polo Concello. Terá lugar nunha carpa climatizada no campo da festa de Fonte Díaz con acceso gratuíto desde as 20:00 horas. O festival contará con música urbana e electrónica de artistas galegos como Lil Sam, Lgldo, Willow GHZ, Kike Varela e un cabeza de cartel sorpresa.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

O sábado 14 de febreiro será a quenda do Entroido do Concello de Touro, coa actuación da charanga Os Atrevidos de 17:00 a 18:00 horas, o atranque dos Xenerais da Ulla ás 18:00 e un concurso de disfraces no que o Concello repartirá 2.000 euros en premios . Arrancará ás 18:15 horas. A partir das19:00 horas terá lugar a degustación de filloas e orellas, acompañada de novo pola charanga.
Inscrición
No concurso de disfraces haberá distintos premios económicos repartidos en varias categorías. Na modalidade infantil e xuvenil individual (ata 14 anos) outorgaranse 150 euros ao primeiro premio e 100 euros ao segundo. Para parellas ou grupos infantís e xuvenís, os premios serán de 250 e 200 euros. En categoría adulta individual, tamén se entregarán 150 e 100 euros, mentres que en adultos en parella ou grupo haberá premios de 250 e 200 euros. Ademais, as asociacións poderán optar a 350 euros para o primeiro posto e 250 para o segundo.
Publicidade
As persoas participantes deberán recoller o dorsal o propio día do concurso entre as 17:00 e as 18:00 horas na carpa de Fonte Díaz, sendo este paso obrigatorio para poder concursar. O certame como indicamos liñas máis arriba comenzará ás 18:15 horas. O prazo de inscricións xa está aberto ata o propio 14 de febreiro, podendo formalizarse no Rexistro Municipal, en horario de apertura do Consistorio, na sede electrónica do Concello ou o mesmo día do evento no lugar da celebración.
Finalmente, o martes 17 de febreiro, a parroquia Fao acollerá desde as 16.00 horas a súa tradicional Entroidada, na que non faltarán os atranques dos Xenerais da Ulla, poñendo o broche final a unha semana chea de celebracións.
Publicidade
Un ano máis, o Entroido de Touro consolídase como unha das citas máis destacadas da comarca, combinando o espírito tradicional dos Xenerais da Ulla con propostas musicais actuais e actividades para todos os públicos.








Comentarios