top of page

O Concello de Silleda solicitou unha subvención para seguir poñendo en valor a sobreira de Siador

A proposta inclúe a colocación de paneis indicativos para chegar ata este exemplar e un panel informativo que substitúa ao actual, cun notable deterioro.


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de solicitar unha subvención para a posta en valor da sobreira de Siador, ao abeiro da orde da Consellería do Medio Ambiente, publicada o pasado mes de decembro pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a conservación, protección e melloras das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, do que forma parte este exemplar dende o ano 2009.

Sobreira de Siador. Foto: Concello de Silleda


A proposta presentada inclúe a dotación de varios paneis indicativos para chegar ata o lugar de Penadagra (no cruce xunto ás Pedrosas e no que vai dende a PO-201 ata o citado lugar) así como un panel informativo cas características desta árbore senlleira que substitúa ao actual, cun notable deterioro.


A sobreira de Siador, con máis de 500 anos de antigüidade, foi incluida pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza en xullo do ano 2009 no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, da Consellería de Medio Ambiente.Esta distinción, coa protección e significado que conleva, supuxo un fito a nivel municipal e comarcal, ao recoñecerse a importancia deste exemplar de gran porte e cunha enorme significación histórica e cultural en Silleda. Aínda que situada nunha parcela privada, propiedade de Manuel López Rivas, a zona onde se sitúa a sobreira foi acondicionada pouco antes da súa inclusión no catálogo, de acordo coa familia propietaria, co adencetamento da mesma, e a colocación dun peche de madeira, así coma dous pequenos paneis informativos no que se dá conta das características e singularidades desta árbore.


Este fastuoso exemplar de Quercus Suber L. é todo un símbolo para a veciñanza de Silleda, sendo testigo do devir histórico da localidade e a día de hoxe a única árbore senlleira do municipio que figura no catálogo da Xunta de Galicia. Con esta proposta, e tamén de acordo coa familia propietaria da parcela, búscase continuar poñendo en valor esta árbore, que cunta cun diámetro (a 1,30 metros de altura) de 2,7 metros, unha distancia de copa de 30 metros e un perímetro de oito metros.


Dende o Concello acometeuse a limpeza hai uns meses do entorno da mesma, retirando os loureiros que afloraban ao seu arredor. A sobreira de Siador, ubicada tamén preto do recinto do santuario saletino, foi ademais protagonista en varias ocasións da celebración do Día Mundial da Árbore.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page