O colector marrón chegará ás vilas de Silleda e da Bandeira a principios de ano, tal e como é preceptivo por Lei
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda implantará a partir do 1 de xaneiro a recollida de biorresiduos, un servizo que chegará aos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira. Para levar a campo esta implantación, que se complementará con distintas accións de formación e sensibilización, o goberno municipal leva ao pleno ordinario de hoxe dous puntos na orde do día a fin de cumplir con distintos trámites administrativos.
Así, na sesión abordarase a modificación do contrato de Servizo de Recollida e Transporte de Residuos Sólidos Urbanos, ca entidade Silleda Sostible, para ampliar a recollida dos biorresiduos (colector marrón), nas dúas vilas.
Tamén se inclúe a adhesión do Concello de Silleda ao programa da reciclaxe a través de plantas de compostaxe de Sogama, co que os residuos xerados se tratarían na planta que esta entidade ten no municipio.
Material para a veciñanza na primeira quincena de decembro
A fin de implantar xa esta recollida dende o 1 de xaneiro, nas próximas semanas levaránse a cabo distintas accións no ámbito da formación e sensibilización para a veciñanza. Así mesmo, tamén se entregarán caldeiros individuais, bolsas e fundas compostables para a recollida da materia orgánica en cada vivenda dos cascos urbanos. Tamén se entregarán as chaves necesarias para usar os colectores marróns.
Publicidade
Ese mesmo mecanismo seguirase con grandes xeradores de biorresiduos do concello (tendas de alimentación, supermercados...) aos que tamén se lles entregarán caldeiros de maior capacidade.
Todas estas actividades así como os caldeiros achegaranse a cidadanía a través dunha axuda da Xunta de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos recollida no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, que lle foi outorgada ao Concello de Silleda cun importe de 53.000 euros.
Ademais, a subvención concedida permitirá o lanzamento dunha campaña de comunicación en todo o municipio, coa que se pretende aumentar a sensibilización, formación e concienciación sobre a problemática dos residuos en xeral e dos residuos orgánicos en particular, formando e instruíndo aos usuarios no funcionamento e posibilidades do sistema de recollida selectiva de residuos orgánicos.
Publicidade
Composteiros no rural
Mentres que nos cascos se prantexa esta nova campaña, no rural continúa aberta a entrega de composteiros individuais para o tratamento da fracción orgánica para seguir na senda iniciada no 2019.
Neste momento no rural silledense están rexistrados e en funcionamento máis de 300 composteiros domésticos individuais, instalados grazas as axudas recibidas por Sogama, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. As e os cidadáns interesados en contar cun composteiro gratuíto, poden reservalo chamando ao número de teléfono 900 909 744.
Comments