top of page

O Concello de Silleda investirá outros 600.000 euros na mellora integral de vías

Un novo proxecto, con cargo ao Plan Concellos, incluirá o arranxo de vías en Dornelas, Ponte, Taboada, Lamela, Carboeiro, Moalde, Vilar, Margaride, Silleda, Cira e Bandeira


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda continuará este ano mellorando distintas vías de comunicación no municipio, cunha extensa rede do viario municipal. Así, e con cargo aos fondos que lle corresponden do Plan Concellos da Deputación no presente exercicio de 2021, executaráse a mellora dunha ducia de tramos en distintos puntos do termo municipal silledense. O investimento previsto sitúase en 605.308 euros, unha importante cantidade “que suporá a mellora integral dunha serie de viais con gran tránsito e vertebradoras de distintas localidades e servizos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.


Así, no proxecto figuran un tramo do vial de entronque ca glorieta da PO-211, dende o recinto feiral Semana Verde, en Silleda, e a mellora do acceso e tamén da explanada do CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira. Neste caso trátase dun tramo que se atopa en mal estado e que conecta cunha das circunvalacións arranxadas nos últimos anos, e tamén do acceso ao centro educativo que utilizan a diario as persoas usuarias do centro e o transporte escolar.


Xa na zona rural o plan de mellora viaria inclúe actuacións en distintas parroquias. Así, levaranse a cabo obras de mellora en Ponte (no vial que une Espiño e Carderrei e tamén no vial de entronque ca PO-205 que dá acceso a varios lugares). Na parroquia de Vilar arranxarase o vial entre O Barral e Mazarelos e en Carboeiro outros dous tramos: un en Carboeiriño e o que une este último lugar ca parroquia de Ansemil, con case un quilómetro de lonxitude. En Lamela actuarase nun tramo de 1.095 metros dende o acceso da N-525 na Goleta ata o lugar de Vilariño.

Unha obra de mellora dun vial en Silleda.

Tamén con cargo a este plan de actuación se mellorará a pista central da parroquia de Dornelas, con algo máis de 2, 4 quilómetros de lonxitude. Nesta zona figura tamén o vial do Curro, na parroquia de Cira, dende o entronque ca EP7017. Inclúese tamén a reforma integral do vial dende Riocalvo ata Rellas, pasando por Gamil, en Margaride; así coma o tramo de estrada que vai dende a N-640 en Moalde en dirección a Olives, tamén con máis de 1,3 quilómetros de lonxitude.


Completan o proxecto dous viais na parroquia de Taboada:o tramo desde Trasdovalo ata Ponte Taboada e o que vai dende a estrada N-525 ata o lugar de Carballeda. En todas elas acometerase a mellora do firme cunha nova capa de rodadura con aglomerado en quente.


“Este novo proxecto unido ao de 2020 con outros sete viais que se executará nos vindeiros meses e a outras actuacións suporá unha mellora sustancial na extensa rede viaria que temos no municipio de Silleda e que continuamos a mellorar con apostas de calado coma esta, con máis de 600.000 euros de inversión”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.




0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page