top of page

O Concello de Silleda aforrará preto de 12.000 euros ao ano ca última dotación de alumeado LED

O investimento, a través do programa “Iluminación Exterior Sostible II” da Deputación de Pontevedra, realizouse en Lamela, Taboada, Cortegada, A Bandeira e Silleda


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda continúa a mellorar a rede de alumeado público, coa aposta por luminarias LED cas que se consegue ademais de reducir a contaminación lumínica un notable aforro enerxético. A última dotación realizouse a través do programa Iluminación Exterior Sostible II, da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa a través do IDAE

(Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) no marco do programa operativo Feder de Crecemento Sostible 2014-2020.


O investimento realizado foi de 97.618,56 euros, a través do convenio co organismo provincial para realizar esta actuación, aos que suma o cambio dos cadros eléctricos asumidos polo Concello de Silleda.


En total renováronse 205 puntos de luz que foron substituidos por luminarias LED, co obxectivo de lograr un maior aforro e reducir a contaminación lumínica. Así substituíronse 51 na parroquia de Lamela, na recta da N-525; oito puntos na zona da rúa Calzada da Bandeira; 24 na rúa Trasdeza; 19 na PO-201; outras 39 na zona sur de Taboada; 11 en O Burgo, na parroquia de Cortegada; e 53 en A Mera, tamén na recta da estrada nacional.


Trátase de puntos de luz situados en farolas de maior altura, e na súa maioría ao pé de estradas moi transitadas. Esta renovación suporá un aforro estimado de preto de 12.000 euros ao ano para as arcas municipais. “Con esta iniciativa continuaremos apostando por reducir o consumo enerxético, pola eficiencia e polo paso a unha economía que reduza as

emisións de carbono”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.


Alumeado na segunda fase de Área 33

Por outra banda, nas vindeiras semanas dotarase tamén de alumeado á ampliación do parque empresarial Área 33. Entre os investimentos que acordou o pleno o pasado mes de maio figura a reposición do alumeado na segunda fase de ampliación do parque empresarial Área 33, donde foi substraído no seu día o cableado do alumeado público.


Entrada libre en Carboeiro

Noutra orde de cousas, este domingo Día de Galicia hai entrada libre no mosteiro de Carboeiro (o horario de verán é de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas) . E tamén remata precisamente en Carboeiro a mostra Trasdeza pinta O Camiño, con obras de artistas locais sobre espazos e monumentos de Silleda no Camiño de Santiago, e ás 18:00 horas terá lugar neste enclave o espectáculo familiar de Títeres Cachirulo Don Gaiferos e o dragón no programa A Compostela polas Rutas Xacobeas.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page