top of page

O Concello de Melide concorrerá a unha axuda para mellorar os accesos polo Camiño de Santiago

Prevé intervir para mellorar o pavimento, a accesibilidade, o axardinamento e a recollida de augas de varios puntos do municipio ao paso da ruta xacobea


Laura Moure/Melide

O Concello de Melide traballa dende hai anos en distintas actuacións de reforma e posta en valor do Camiño de Santiago ao paso polo termo municipal, incluíndo o seu tramo urbano. Neste sentido, nos últimos anos reformáronse importantes espazos do centro como a rúa San Antón, a antiga praza de abastos, o cantón de San Roque ou a avenida de Lugo, así como rúas Principal e Progreso, na zona histórica.Todas estas actuacións supuxeron unha mellora da imaxe do núcleo urbano e do Camiño de Santiago. Agora, o Concello procura vías de financiamento para acometer a reforma e posta en valor dos accesos á Melide coincidentes co Ben de Interese Cultural do Camiño de Santiago.


Con este obxectivo, o Concello vén de presentar o proxecto ás axudas do programa de

mellora da competitividade e dinamización do patrimonio histórico con uso turístico do

Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Por medio destas axudas, o Concello planea

levar a cabo a renovación dos pavimentos e da rede de saneamento, de forma que se

separe a recollida de augas pluviais e residuais. Tamén prevé a renovación da rede de

subministración de auga e a incorporación dunha canalización común para as instalacións

de telecomunicacións, subministración eléctrica e alumeado. O sistema de iluminación será tamén revisado, e mellorarase o mobiliario urbano e o axardinamento.

Os ámbitos de actuación inclúen o acceso a Melide dende Furelos, no Camiño Vello, onde

se mellorarán as condicións de accesibilidade universal, suprimindo barreiras arquitectónicas e renovando o pavimento. Máis adiante, na circunvalación da Feira,

completarase a urbanización da zona, reducindo os anchos da vía e ampliando a anchura

das beirarrúas. Na rúa Furelos tamén se actuará sobre o pavimento e espazos verdes. Por último, no acceso a Santa María desde o Castelo, levaranse a cabo traballos análogos de mellora do espazo.


O investimento total para este proxecto achégase, nas proxeccións orzamentarias do Concello, aos 2.860.000 euros.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page