O Concello de Arzúa presenta a programación de novembro da Casa das Mulleres
Incorpora unha campaña polo 25N contra o negacionismo da violencia machista
Laura Moure/Silleda
O Concello de Arzúa presentou a programación de novembro da Casa das Mulleres, coa que a Concellería de Igualdade dá continuidade ás actividades iniciadas en outubro para consolidar este espazo municipal como un lugar de encontro, participación e apoio mutuo. O calendario deste mes combina as actividades habituais cunha programación especial arredor do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Desde a Concellería de Igualdade vense desenvolvendo un traballo continuado para dotar a Casa das Mulleres dunha programación estable e aberta á participación. A intención é que sexa moito máis que o edificio que alberga o Centro de Información ás Mulleres (CIM): un espazo propio para todas as mulleres de Arzúa, no que poidan sentirse seguras e acompañadas, compartir experiencias e tecer redes de apoio.

A técnica de Igualdade do Concello de Arzúa, Sabela Losada, explicou que "queremos que cada vez máis mulleres coñezan a Casa, participen nas actividades e a sintan como un espazo seu. En outubro comezamos cunha programación que agora ten continuidade e que iremos construíndo, mes a mes, tamén a partir das necesidades e propostas das propias mulleres".
A programación de novembro mantén os encontros dos Xoves na Casa!, con actividades arredor das experiencias das mulleres migrantes e das violencias invisibilizadas, como a violencia obstétrica. Continúa tamén o servizo de asesoramento xurídico en estranxeiría e incorpóranse novas propostas de encontro e formación.
"Hai mulleres que precisan asesoramento, outras que buscan un espazo no que relacionarse e outras que simplemente queren participar nunha actividade. Queremos que todas atopen o seu lugar na Casa das Mulleres e que, pouco a pouco, vaiamos tecendo eses lazos que tamén nos axudan a sentirnos acompañadas", engade Sabela Losada.
«Violencia tamén é mentir»: unha campaña contra o negacionismo da violencia machista
A programación de novembro incorpora tamén a campaña municipal polo 25N, presentada pola concelleira de Igualdade, Lucía López, que este ano pon o foco na banalización e na negación da violencia de xénero.
Baixo a mensaxe «Violencia tamén é mentir», o Concello de Arzúa quere chamar a atención sobre as consecuencias que teñen os discursos negacionistas na vida das mulleres que sofren violencia machista.
PUBLICIDADE
"A nós tamén nos gustaría poder afirmar que a violencia de xénero non existe. Pero a realidade é outra. No noso concello viven mulleres e crianzas que precisan protección institucional porque as súas vidas están en risco. Hai mulleres que sufriron agresións sexuais no ámbito laboral, mulleres que levan anos soportando malos tratos e rapazas que se enfrontan a ameazas e acoso nas redes sociais. Non estamos falando dunha realidade afastada, estamos falando de mulleres que viven entre nós", explicou Lucía López.
A concelleira advirte de que negar esta realidade ten consecuencias directas para as vítimas e sobreviventes. "Cando se nega a violencia de xénero, tamén se está deixando de lado ás mulleres que a sofren. Estamos dicíndolles que o que lles pasa non existe ou que non merece unha resposta específica das institucións. E iso é especialmente grave cando sabemos que hai mulleres que precisan protección e acompañamento para poder saír dunha situación de violencia".
Lucía López situou esta campaña nun contexto político no que os discursos que cuestionan a existencia da violencia machista teñen cada vez máis presenza no debate público. "Minimizar a violencia, manipular os datos ou presentar as denuncias falsas como un problema xeneralizado non é inocente. Estes discursos invisibilizan as vítimas, alimentan os prexuízos machistas e dificultan que avancemos cara á igualdade real entre mulleres e homes. Por iso é importante que as institucións falemos con claridade e non deixemos que a mentira ocupe o lugar dos feitos", afirma.
A campaña tamén chama a atención sobre formas de violencia como o acoso dixital ou a utilización de imaxes manipuladas mediante intelixencia artificial, coñecidas como deepfakes, para humillar, ameazar ou agredir as mulleres.
A concelleira lembra que o Concello conta cun Centro de Información ás Mulleres que ofrece atención, asesoramento e acompañamento, e insistiu na importancia de que as mulleres que sofren violencia coñezan os recursos que teñen á súa disposición. "Queremos que calquera muller de Arzúa que estea pasando por unha situación de violencia saiba que non está soa, que hai profesionais que poden axudala e que as institucións teñen a responsabilidade de protexela. Esa é tamén a mensaxe que queremos transmitir neste 25N", conclúe.
Un mes de actividades na Casa das Mulleres e nos centros educativos
A programación de novembro comeza o 5 de novembro, ás 16:30 horas, coa presentación das actividades arredor do 25N dentro do ciclo «Os xoves na Casa».
O 7 de novembro terá lugar unha excursión a Lugo con Juana Capdevielle, baixo o título «Tecendo irmandade fronte á violencia contra as mulleres», unha proposta que dá continuidade aos encontros entre mulleres e á creación de redes de apoio.
PUBLICIDADE
O servizo de asesoramento xurídico en estranxeiría, coa colaboración de Movemento pola Paz (MPLP), estará dispoñible os días 9 e 16 de novembro, ás 10:00 horas. O 12 de novembro, ás 16:00 horas, celebrarase unha nova sesión de «Os xoves na Casa», dedicada ao grupo de apoio mutuo para mulleres migrantes, baixo o nome «Migradas».
O 19 de novembro, ás 17:00 horas, a Casa das Mulleres acollerá a xornada «As violencias invisíbeis», centrada na violencia obstétrica, coa participación de PETRA e O PARTO É NOSO. A actividade incluirá a inauguración dunha exposición sobre esta realidade.
A programación levará tamén a prevención das violencias machistas aos centros educativos. O 10 de novembro, o IES de Arzúa acollerá o obradoiro «Porque se pesa, é para tanto», impartido co Centro de Crise 24 horas de Santiago de Compostela. O día 23, o alumnado participará no obradoiro «Que é o CIM de Arzúa?», para coñecer os recursos municipais de información e atención ás mulleres.

O 24 de novembro celebrarase na Casa das Mulleres unha xornada sobre «Cooperación interinstitucional fronte á violencia de xénero». Ás 10:00 horas está prevista a sinatura dun convenio entre os concellos de Arzúa, Boimorto e Santiso e, ás 11:00 horas, unha mesa de traballo en rede entre os servizos municipais.
O acto institucional do 25 de novembro terá lugar ás 11:00 horas na Casa do Concello. A xornada incluirá tamén, ás 12:30 horas, un programa especial de Radio Arzúa dedicado á loita contra a violencia machista.
Finalmente, o 26 de novembro, a programación chegará ao CEIP de Arzúa cos obradoiros «Xunt@s cara o bo trato», desenvolvidos coa colaboración de MPLP.









Comentarios