Inclúe inchables, a ruleta dos agasallos, premios, música, neve artificial, descontos e diversos sorteos
Laura Moure/Arzúa
Aproveitando a proximidade da campaña de Nadal e a feira quincenal, o Concello de Arzúa organiza varias actividades na rúa que se poderán desfrutar de xeito gratuíto durante todo o día e para todos os públicos. Esta xornada celebrarase o 8 de decembro.
Durante a tarde haberá diferentes inchables para público infantil na Praza de Galiza en horario de 16:00 a 20:00 horas. Durante o mesmo horario e no mesmo lugar, contarase como novidade coa Ruleta dos Agasallos na que se repartirán mil premios. Para participar o público deberá mercar nos establecementos adheridos unicamente durante o 8 de decembro, día no que por cada 10 euros de merca entregarán un boleto para xogar na ruleta.
Ademais, a partir das seis da tarde contarase coa actuación itinerante da charanga Santa Compaña que rematará a súa actuación as sete e media na Praza, coincidindo co lanzamento de neve artifical programado como fin de festa.
Paralelamente, durante toda a xornada, os comercios inscritos ofrecerán descontos de ata o 70%, sorteos, agasallos e ofertas especiais en locais de todo tipo como zapaterías, tendas de roupa, librarías ou xoierías, entre outros.
Comments