top of page

O Concello de Antas de Ulla modifica a ordenanza da auga para evitar problemas de abastecemento

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O cambio pretende evitar problemas de subministro, especialmente en período estival, tendo en conta as características dos recursos hídricos municipais


Laura Moure/Antas de Ulla

O Concello de Antas de Ulla aprobou no último pleno ordinario da Corporación municipal, a proposta da Alcaldía, da modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do subministro do servizo de auga. A modificación ten como obxectivo evitar problemas de abastecemento, especialmente en período estival, tendo en conta as características dos recursos hídricos municipais. Atendendo a certas prácticas que provocan danos e roturas nas tubaxes e que, polo tanto, supoñen un grave prexuízo á comunidade de usuarios do servizo a modificación afecta ao artigo 8º que regula, de forma xenérica, as infraccións e sancións.

O Consistorio de Antas de Ulla.


A ordenanza establece, trala súa modificación, como infraccións moi graves:

  • O uso da auga sen a preceptiva licenza de enganche á rede.

  • Cometer calquera acto que provoque danos ou desperfectos nas tubaxes, instalacións ou equipos dos sistema de abastecemento de augas.

  • Introducir modificacións fraudulentas nas conexións á rede ou manipular os contadores de medición de consumo co obxecto de rexistrar menor consumo do real.

  • Realizar derivacións do caudal antes do equipo de medición.

  • Interconectar redes privadas co sistema público de abastecemento de auga.

  • Facer conexións directamente desde tubaxes de bombeo, liñas de condución ou liñas que interconecten unidades do sistema.

  • Conectar equipos de bombeo ou mecanismos que succionen a auga directamente das redes de subministro ou desde as conexións domiciliarias.

  • Os comportamentos neglixentes ou maliciosos que provoquen calquera tipo de contaminación á rede de distribución.

  • A reincidencia nas infraccións graves.

Así mesmo, serán infraccións graves:

  • Impedir o acceso ao inmoble do persoal do servizo municipal de auga para a lectura dos contadores, a inspección das instalacións ou o exercicio de calquera das funcións propias do cargo.

  • Non efectuar as reparacións ou modificacións indicadas polo servizo municipal de auga do Concello na rede interna do usuario que signifiquen derroche de auga.

  • Interferir na prestación dos servizos de auga potable, causando prexuízos a outros usuarios.

  • Cortar ou interromper o servizo de auga dun terceiro.

  • Non pagar a conexión de auga.

Serán infraccións leves aquelas que se puideran cometer en relación ao uso ou destino da auga e que non se tipifique como infracción grave ou moi grave.


Sancións

As infraccións poderán ser sancionadas con multas de 900,01 a 1.800 euros no caso das tipificadas como moi graves; de 300,01 a 900 euros as graves e con sancións de ata 300 euros as infraccións leves. A estas sancións poderáselles acumular a suspensión da subministración. A proposta foi aprobada cos votos a favor do equipo de Goberno (PP) a abstención de AVA e o voto en contra do PSOE, tal e como indica o equipo de goberno.


Festivos locais para o ano 2022

A corporación municipal aprobou por unanimidade declarar festivos locais no Concello de Antas de Ulla os días: 1 de marzo, martes de Entroido, e o 8 de setembro, festividade da Virxe dos Remedios. O 24 de xuño, día de San Xoán, será festivo de carácter autonómico.



0 comentarios

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page