O escritor estará acompañado na presentación polo historiador Manuel Igrexas
Laura Moure/Lalín
Este mércores, 10 de maio, ás 20:30 horas, Xosé Monteagudo presentará no Círculo de
Recreo de Lalín a súa última novela que leva por título Vémonos mañá. Estará acompañado na presentación polo historiador Manuel Igrexas.

Logo do seu último éxito literario, a novela Todo canto fomos (2016), o escritor Xosé Monteagudo (Moraña, 1965), volve á narrativa con Vémonos mañá, a historia novelada de Bibiano Fernández Osorio-Tafall e a súa muller Josefina Arruti Viaño.
Bibiano Osorio-Tafall (1902-1990), científico, investigador, político, editor e diplomático, é
recoñecido como un dos galegos máis internacionais e un dos personaxes máis relevantes do século XX. Foi catedrático de Ciencias e director do Instituto de Pontevedra, alcalde da cidade, presidente da Deputación, deputado en Cortes, presidente da Asemblea de Municipios da que saíu o anteproxecto de Estatuto de Autonomía, Comisario do Exército no goberno de Negrín, colaborador da ONU en misións diplomáticas e candidato a presidir a Xunta da preautonomía galega. Coñecedor das terras de Deza, na súa estadía en Lalín como membro do Seminario de Estudos Galegos en 1934 impartiu no Casino unha conferencia sobre temas agrarios.

A súa muller, a tamén pontevedresa Josefina Arruti (1906-2003), coa que casou en 1929, non tivo porén proxección pública. O golpe de Estado de xullo de 1936 separounos e a partir dese momento Josefina sufriu a represión: foi detida e estivo presa. Ao saír da cadea seguiu estigmatizada e tivo que sacar adiante aos seus tres fillos nunha cidade hostil. A súa vida reflicte o sufrimento silenciado e o heroísmo da resistencia fronte á ditadura dos familiares dos republicanos, na súa maioría mulleres (parella, fillas, nais, ...).
Xosé Monteagudo recrea en Vémonos mañá as vidas de Bibiano e Josefina nun relato a dúas voces que nos mergulla en dúas das facianas do franquismo en Galicia, o exilio e a represión das mulleres.
Comments