top of page

O BNG lanza o seu proxecto para devolver "o futuro á Agolada"

Susana Tato presentou a candidatura xunto ás liñas básicas dun programa baseado "nunha xestión responsable dos recursos do concello"


Laura Moure/Agolada

O BNG de Agolada presentou onte na residencia de maiores diante de case un cento de veciños e veciñas a súa candidatura de cara ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. O deputado nacionalista Mini Rivas quixo estar presente e apoiar ao equipo de Susana Tato neste acto. Rivas expresou o seu apoio e recoñecemento ao traballo do BNG de Agolada en materias tan importantes coma a demanda das concentracións parcelarias pendentes no municipio. O deputado nacionalista ten levado en numerosas ocasións esta problemática local ao Parlamento de Galicia e defendeu que isto ocorre así “porque o BNG é o único partido que pertence á terra, o único que sinte orgullo de defender onde sexa aos nosos veciños e veciñas, o único partido que non cae no pailanismo dos que desprezan o noso e admiran o de fóra”.


Na súa intervención, Mini Rivas expresou ademais o seu total apoio ao traballo que o BNG está a facer na Agolada, e animou aos membros da candidatura de Susana Tato a seguir traballando para devolverlle Agolada aos veciños e veciñas. Mini Rivas falou tamén da necesaria defensa da lingua e criticou “ataques ao país” en temas fundamentais coma os eólicos. O deputado nacionalista acudiu ao acto acompañado pola súa guitarra, e rematou a súa intervención cunha canción composta por el a respecto da defensa “do noso”.

A presentación do acto correu a cargo da número 3, Cristina Pereiro Jacobo,

Quen destacou o traballo, ilusión e compromiso de todas as mulleres e homes que acompañan a Susana Tato nesta candidatura. Cris Pereiro presentou ao deputado Mini Rivas coma “un valedor de Agolada no Parlamento” e agradeceu a nutrida asistencia de público ao acto. Ademais a número 3 da candidatura asegurou que logo do 28 de maio, o BNG “gobernará Agolada sen revanchas, só pensando nos veciños e veciñas”.


Susana Tato, a candidata, pechou o acto de presentación cun discurso cargado de agradecementos a todas as mulleres e homes “que decidiron dar un paso adiante para recuperar Agolada e darlle futuro”. Segundo explicou Tato “levamos un ano moi intenso traballando, reuníndonos con todos os veciños e veciñas, casa por casa, parroquia a parroquia, porque só escoitando podemos agora presentar o noso proxecto de futuro para Agolada”.


A candidata nacionalista debullou as principais propostas deste programa electoral, centrado en recuperar servizos cos que non conta Agolada, e mellorar a calidade de vida e o benestar da veciñanza con novas iniciativas “porque nós acreditamos que Agolada merece máis, merecemos moito máis”. Tato comprometeuse a gobernar a partir do vindeiro 28 de maio “para todos os veciños e veciñas, independentemente da súa ideoloxía”, e deixou claro que o BNG volta ao escenario político de Agolada “cun equipo de xente preparada e un ambicioso programa de goberno para acadar a Alcaldía”.


Un a un, Susana Tato foi presentando a cada un dos integrantes da súa lista.

De cada un deles a candidata esbozou o seu perfil profesional e persoal e agradeceulles “a ilusión, as horas e o traballo dedicado a este proxecto”. A candidata afirmou “si, Agolada merece moito máis que a crispación e as divisións absurdas entre todos nós, merece transparencia, merece unha xestión responsable dos recursos. Merece quen se preocupe polos problemas reais dos veciños e veciñas, do seu día a día”


Tamén confesou que fai un ano, “ofrecéronme coordinar o BNG da Agolada e asumín o reto con forza e ganas, foi un ano duro, sei que moitos dos presentes pensabades que o BNG no ía acadar facer unha candidatura. Pero si... son persistente, constante e con paciencia.. pouco a pouco foise sumando xente decidida e valente, que queren unha Agolada mellor, unha Agolada situada no sitio que se merece e lle corresponde, xente que pensa nos nenos e nenas do concello, nos nosos maiores e en todos e cada un dos seus veciños e veciñas. Porque somos un Concello que ten moito que ofrecer, un concello sito nun lugar privilexiado dentro do mapa de Galiza”.


"Merecemos mellores infraestruturas municipais"

"Merecemos mellores infraestruturas municipais, vías principais das parroquias aglomeradas e tamén todas por as que circule o bus escolar un acceso axeitado o polígono industrial, para facelo máis viable e atractivo. Conexión a internet rápida, con fibra óptica en todos os puntos do concello, en todas as parroquias. Arranxo das beirarrúas na Agolada, que entendemos que tal e como están pola Nacional son un perigo para todos e todas, dende nenos e nenas a os noso maiores".


"Merecemos un desenvolvemento económico mellor, para que os nosos mozos e mozas non se teñan que ir fóra (o que se vaia que o faga porque quere, non por necesidade) polo que impulsaremos e dinamizaremos polígono industrial, e concederemos axudas económicas para os veciños e veciñas que emprendan actividades empresariais no concello. Promocionaremos o entorno dos Pendellos con feiras de produtos locais, que promocionaremos impulsando unha marca propia: PRODUCTO DE AGOLADA, para que se podan identificar os produtos dos nosos gandeiros, agricultores e artesáns, dándolle así os seus produtos un valor engadido, pero tamén promocionaremos todos os puntos dos concello ca creación de rutas guiadas"-


Así mesmo, sinalou que "merecemos un medio rural vivo, que xere riqueza e atractivo para que os nosos mozos e mozas non abandonen as terras e sigan loitando; loitaremos dende o primeiro día, como xa viñemos facendo todos estes anos con apoio de Mini por a concentración parcelaria en todas as parroquias. E impulsaremos a explotación conxunta de parcelas agrícolas e forestais unha vez concentradas. Impulsaremos a creación de un selo de Produto de Agolada para a nosa carne, un selo que distinga a súa calidade. Abriremos unha oficina técnica facilitando a formación para a gandaría e a explotación de novos cultivos. E elaboraremos un Plan Forestal para o municipio".


Servizos públicos de calidade

"Esixiremos á Xunta o arranxo do colexio. Non vamos permitir que os nosos nenos e nenas teñan que permanecer nunhas instalación obsoletas, con goteiras, ou un ximnasio esnaquizado por o paso do tempo. Merecemos tamén un centro de saúde adaptado, sen deficiencias, cos materiais e os recursos humanos suficientes para dar cobertura a todos os veciños e veciñas, tamén exixiremos o restablecemento do servicio de pediatría para os nosos nenos e nenas".


Informou que neste días "a nosa compañeira e parlamentaria Montse Prado vai rexistrar unha iniciativa parlamentaria exixindo o servicio de Hospitalización Domiciliaria no concello, que todos pensamos que é imprescindible na nosa zona".


Así mesmo, apunta que "ampliaremos o SAF cos programas xantar na casa, teleasistencia, transporte adaptado e o envellecemento activo. E de paso, revisaremos as condición laborais das traballadoras do SAF. Impulsaremos dende o concello o programa Concilia, para facilitar a vida a todas as familias do concello, e sempre coordinados ca ANPA do colexio, para poder dar uns maiores servizos. E cónstanos que a ANPA leva moitos meses co programa, loitando por mantelo co apoio das familias".

Cultura e deporte

"Abriremos a Casa de Cultura como espazo de dinamización cultural, incorporaremos ao cadro de persoal do concello unha persoa responsable da biblioteca e da dinamización socio cultural, porque queremos volver abrir a nosa biblioteca no só como espazo de lectura, como parte activa da nosa cultura e formación. Esta persoa tamén estará para dar apoio as asociacións tanto deportivas como culturais, sobre todo ca Xestión administrativa, posibles axudas que poidan solicitar… Apoiaremos activamente dende o Concello a nosa escola de música que están facendo unha labor impresionante. Apoiaremos o incremento de actividades culturais, creando a escola municipal de artes escénicas. Crearemos un consello municipal de deportes, onde estarán representadas todas as asociacións deportivas. E crearemos ca participación de todas as asociación unha escola municipal de deportes para os nenos e nenas. E levaremos a cultura a todas as parroquias do concello, con actuacións e actividades en todos os puntos do concello, en cada parroquia".


“Merecemos todo isto e moitísimo máis!!” anunciou Susana Tato “e cunha xestión correcta dos recursos nada do que nos propoñemos é imposible de realizarse. Son todas cuestións asumibles e alcanzables, non son meras promesas electorais”.


Estes foron algúns dos puntos dun programa electoral que, afirmou, é “moito máis amplo que vos iremos dando a coñecer. Un programa que desenvolvemos dende a sensatez, un programa con proxectos viables e asumibles e polos que vamos loitar para que se leven a cabo”.


Escoitar a todos e a todas para que Agolada medre

A candidata do BNG á Alcaldía afirmou que “non somos un grupo cerrado, queremos escoitar a todos e todas, a calquera que queira aportar, que queira participar que queira loitar polo noso concello. Para que Agolada medre!! e non deixala morrer, agonizar..

Preséntovos a este equipo con toda a ilusión e orgullo, porque sei que somos os mellores, a mellor opción para Agolada, u pobo que demostrou fai catro anos que non ten medo aos cambios, que queren avanzar e elixir o mellor para o concello… e eses somos nós!!! Con moita diferencia!!”.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page