O voceiro cruceño, Álex Fiuza, e o resto da organización, valora o acto aberto con Ana Pontón do pasado sábado como "un éxito"
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces aposta por uns orzamentos adaptados á actualidade e ás necesidades sociais. Aposta por un proxecto "integrador, que acolla dende os máis maiores ata ás nosas crianzas, que faga valer o noso patrimonio, o tecido empresarial, para convertir Vila de Cruces nun concello rural referente no centro do país".

O voceiro cruceño, Álex Fiuza, e o resto da organización, valora o acto aberto con Ana Pontón do pasado sábado como "un éxito" e agradece a participación activa dos asistentes no turno de preguntas. "Destacar a grande afluencia como a cantidades de cuestións que a veciñanza puxo enriba da mesa". Neste apartado tratáronse temas fundamentais para mellorar servizos, como as traídas de auga das parroquias, internet no rural, a mellora dos CEIP do concello, propostas para a atención dos nosos maiores preto das súas casas, a atención primaria, o posicionamento do BNG fronte ao boom eólico ou medidas máis concretas para reforzar o asentamento poboacional, como o Ticket Rural para emprendemento.
"Para poder levar a cabo todo isto, é imprescindible a elaboración duns orzamentos socias e expansivos, adaptados á realidade, en lugar de seguir tirando duns orzamentos caducos e continuistas do 2019", recalca o partido nacionalista.
Comments