top of page

"O BNG consolidaremos a Galiza como a principal zona de produción láctea de España, tendo como obxectivo cubrir o 50% da demanda do estado", sinala Ariadna Fernández

Ecos da Comarca/Deza

A candidata lalinense do BNG Ariadna Fernández ao Parlamento Galego, sinala que dende o BNG "somos conscientes de que as políticas emanadas dende Bruselas son froito do descoñecemento total do noso territorio e dos nosos sistemas produtivos. Galiza precisa facerse valer en canto á súa capacidade e calidade das producións propias, polo que debemos tomar partido e decidir sobre nós mesmos asumindo as competencias pertinentes neste ámbito".

É preciso, sinala, "un impulso ao medio rural da man do BNG, impulso que necesitamos con urxencia para que este conserve a vida que lle queda e, incluso volva ser un lugar onde vivir e desenvolver a actividade económica sexa doado e sen atrancos burocráticos excesivamente tediosos para quen así o desexe".


Parte da importancia produtiva en Galiza, apunta Fernández, "debémoslla ao sector lácteo, que nesta comarca está ben representado por todos os concellos de Deza, e esta actividade económica é de vital importancia no ámbito económico e tamén social. Da man do BNG consolidaremos a Galiza como a principal zona de produción láctea do estado español, tendo como obxectivo cubrir o 50% da demanda do estado a través do aumento en 1/3 da produción anual en 10 anos, sen que isto inflúa negativamente no aumento da emisión de gases efecto invernadoiro por parte do sector".


Publicidade

"É tamén chave que se volva botar man e impulsar de novo o Observatorio do sector lácteo e da Mesa Sectorial, así coma  garantir as transaccións comerciais transparentes na cadea de valor do leite, tendo información de primeira man e posuíndo, sobre todo, capacidade para negociar. Facilitarase o incremento da superficie agraria útil das explotacións, coa consecuente mellora da sustentabilidade económica, social e ambiental das mesmas, favorecendo as explotacións familiares para a súa permanencia no sistema produtivo", recalca.


Outra carencia importante, resalta, "é a de man de obra cualificada, que terá solución investindo diñeiro na súa formación, de xeito que para os gandeiros sexa máis doado continuar neste sector tendo unhas condicións de traballo e vida semellantes ás de calquera outro empregado ou empresario, de maneira que o abandono do rural por estas circunstancias se vexa atallado. Dende o BNG impulsaremos a investigación e innovación reforzando o I+D+I sectorial, a produción de leite diferenciada, a entrada ou mellora nos mercados dos produtos de orixe ecolóxico e apoiaremos ao sector industrial de transformación do leite, especialmente ao de orixe cooperativa, que confira valor engadido ao noso producto, xa de por si de gran calidade".


Publicidade

Apoiar ao sector lácteo é, noutras palabras, "apoiar ao rural galego, un rural que é capaz de producir baixo moitos sistemas diferentes e igualmente necesarios e onde prima a calidade, un rural onde, de non ser pola xente que traballa nel estaría aínda máis despoboado e que aínda estamos a tempo de rescatar se levamos a cabo medidas xustas e pensadas para nós, sen que ninguén dirixa os nosos pasos dende ben lonxe. Dende o bloque temos capacidade e vontade política e, sobre todo, temos un rural dunha riqueza incalculable que debemos respetar, aproveitar e, sobre todo vivir, decidindo nós os nosos propios pasos para medrar", subliña a lalinense.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page