top of page

O 112 Galicia rexistrou máis de medio millar de incidencias polo temporal ao longo do día de hoxe

A provincia da Coruñá é a máis afectada e dos concellos das comarcas Lalín


Laura Moure/Xeral

A alerta laranxa por vento e choiva estase deixando notar nas comarcas e en xeral en toda a comunidade galega. Árbores caídas, cables, derrumbamentos... son algunhas das incidencias que recibiu o 112 Galicia, que no que leva de xornada xa sumou máis de medio millar. A provincia da Coruña é a que se está vendo máis afectada, e dos concellos das comarcas, Lalín. Como diciamos houbo caídas de árbores que obstaculizaron o tráfico como por exemplo o que se apreza na imaxe de abaixo, na estrada PO-840 á altura da parroquia agoladesa de Artoño ou outro que ocupaba os tres carrís de circulación do vial que une Melide e Arzúa, concretamente entre Boente e A Castañeda.

Árbol caído hoxe na PO-840 en Artoño, Agolada. Autor: D.C.

Os efectos do vento deixáronse notar ao longo de toda a mañá. Entre as 8 e as 12 horas, o 112 Galicia rexistrou un total de 145 incidencias pola acción do vento. Do mesmo xeito que durante a noite, as máis frecuentes continúan sendo as relacionadas con árbores e pólas nas estradas, con 76, seguidas da prevención de riscos, con 29. En relación a estas últimas, foron varias as veces que se notificou a presenza de postes do tendido eléctrico, tellas, carteis ou outros obxectos que se atopaban a piques de caer.


Tamén son destacables as relacionadas coa caída de cables nas vías de circulación, do que o 112 tivo constancia en 16 ocasións. O resto das incidencias repártense entre a caída de postes telefónicos en estradas (6), os restos de accidentes e diversos obstáculos sobre a calzada (7), e outras que se rexistraron con menos frecuencia, como por exemplo a caída de carteis, pancartas ou sinais de tráfico (1).


No relativo ás provincias, a da Coruña continúa sendo a que máis incidencias sumou ao longo da mañá, con case un cento (94), seguida de Pontevedra (29), Lugo (18) e, por último, Ourense (4). Na da Coruña, 46 tiveron de novo que ver con árbores e pólas nas estradas, seguidas polas 19 que se contabilizaron no eido da prevención de riscos. Pola súa parte, en Lugo e en Pontevedra destacan as ocasionadas pola presenza de árbores na vía, con 15 e 14 respectivamente, mentres que na provincia de Ourense só se ten constancia de dúas con esta tipoloxía.


Por outra banda, os concellos máis afectados polos efectos do vento foron Narón (6), Carballo (5) e Oleiros, Ponteceso e A Laracha (4) na provincia da Coruña; os municipios mariñáns de Lourenzá e Mondoñedo (3) en Lugo; A Estrada (4), Vigo e Lalín (3) en Pontevedra, e Nogueira de Ramuín (2) en Ourense.

Pasadas as 18 horas, tal e como informou o 112 Galicia ás sete da tarde, o vento e as chuvias continúan afectando a gran parte da comunidade galega. Cómpre indicar que hai varias alertas, tanto por chuvias como por ventos intensos, que continúan activas nestes momentos (19:00 horas).


O 112 Galicia vén de rexistrar un total de 591 incidencias por meteoroloxía adversa dende o comezo do día, máis da metade delas relacionadas coa presenza de árbores ou pólas nas vías de circulación (289), 115 coa prevención de riscos −postes de iluminación ou carteis e tellados a piques de caer, por exemplo; 50 coa caída de cables, 35 con restos de accidentes e outros obstáculos, e 30 con postes de telefonía ou da luz sobre a calzada.


O resto das incidencias quedan repartidas dentro de tipoloxías que inclúen, entre outros, os riscos de derrubamento (10). Neste senso, parte dunha casa abandonada caeu sobre a finca dun particular na rúa Piñón de Dodro, sen causar danos persoais. Frecuentes foron tamén os desprendementos de elementos pertencentes a edificios: ás 12:30 horas, un particular informaba ao 112 de que caera parte da fachada dun edificio situado na rúa de Alexandre Bóveda, en Vilagarcía.


Esta tarde, en Ferrol, levantouse a cuberta de uralita dun edificio de nove plantas, e na rúa Campo das Rubas, localizada na Illa de Arousa, os Bombeiros tiveron que intervir porque un tellado se soltara debido aos efectos do vento.


Os servizos de emerxencias tiveron unha importante carga de traballo a fin de restablecer e garantir as condicións de seguridade en moitos puntos da comunidade. En Vimianzo, pasadas as 15 horas, un membro dos Bombeiros de Cee atopábase retirando parte do tellado dunha nave do polígono do municipio cando se mancou na cara, tralo que precisou asistencia sanitaria.


Por provincias

A provincia máis afectada continúa a ser a da Coruña, na que se rexistraron 343 incidentes a causa do vento e da chuvia, seguida de Pontevedra (121), Lugo (106) e Ourense (20). Ademais, a maioría dos avisos tiveron que ver con incidencias nas estradas, 158 só nos municipios da Coruña, 73 nos de Lugo ou 49 nos de Pontevedra.


En canto aos concellos máis castigados polo temporal, na provincia da Coruña destacaron Narón, con 17 incidencias contabilizadas, Santiago con 15 ou Carballo e Oleiros con 14; en Lugo, A Pontenova (12) ou Becerreá (8); na provincia de Pontevedra, Vigo (14) ou Vilagarcía, Nigrán, Lalín e A Estrada (9) ; e en Ourense, a capital e San Cristovo de Cea, ambos con 3 casos.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page